Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello impulsa a campaña de concienciación ‘Coida Cervo’ polo Mes do Medio Ambiente

Programouse, en colaboración con diferentes entidades do municipio, un completo programa de actividades centradas na sensibilización e na protección da contorna natural

Cervo, 7 de xuño, 2025. O Concello de Cervo pon en marcha unha campaña intensiva en xuño baixo o lema “Coida Cervo” como motivo do Mes do Medio Ambiente, cun amplo programa de actividades centradas na sensibilización e na protección do entorno natural.

Entre as iniciativas destacan as xornadas de limpeza de praias e ríos en colaboración con diferentes asociacións e entidades do municipio. A primeira delas tivo lugar este xoves 5 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, na Praia de Cubelas, coa participación da alcaldesa Dolores García Caramés, a edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, e as asociacións Breoñáns, A Rebolaxe e Mistura, como entidades colaboradoras.

A próxima acción será o luns 9 de xuño ás 17:00 horas na Praia do Torno, coa colaboración das ANPAS do CEIP Península da Paz e do IES Marqués de Sargadelos.

Outros espazos naturais como o Río Xunco, a Praia da Caosa ou a Praia da Limosa tamén serán obxecto destas accións de concienciación ambiental ao longo das vindeiras semanas.

Ademais, o xoves 26 de xuño, en horario de 10:00 a 14:00 horas, terá lugar na Praza dos Campos a campaña divulgativa “Separa. Depende de ti”, en colaboración con SOGAMA, dirixida a promover unha correcta separación dos residuos.

Dentro desta programación de “Coida Cervo” tamén se incluiu o fallo do concurso de fotografía “Cervo Respecta” e a realización dunha actividade didáctica nos centros escolares, tamén centrada na concienciación ambiental.

A alcadesa explicou que dende o Concello apostamos por un modelo de desenvolvemento sostible, onde o coidado da nosa contorna sexa unha prioridade compartida entre administración, entidades e veciñanza. ‘Coida Cervo’ é unha chamada á acción colectiva e á responsabilidade individual”, sinalou a rexedora que agradeceu “a implicación de todas as asociacións, centros educativos e persoas voluntarias que fan posible a iniciativa”.

As xornadas están abertas á participación da veciñanza en xeral, polo que dende o Concello fan un chamamento á cidadanía a sumarse e contribuír activamente á conservación do medio natural do municipio.

Exit mobile version