Lara Méndez criticou que os recursos están “infrautilizados ou directamente mal utilizados” e sinalou problemas como que 7.000 persoas perderan a acreditación para o uso de produtos fitosanitarios debido á mala xestión do Goberno do PP
A deputada do PSdeG defendeu unha iniciativa a través da que se lle esixe ao Goberno galego a elaboración dun informe que inclúa o orzamento e o programa formativo dos centros, así coma os obxectivos de futuro e os tipos de uso que se lles pretende dar para potencialos. Entre outros aspectos, demandou que ese documento recolla datos coma o número de prazas e a oferta de cursos, ademais dunha avaliación das necesidades dos territorios nos que se sitúan, co fin de adaptar dita oferta á demanda.
Lara Méndez sinalou neste punto que xorden “moitas dúbidas” respecto de se se está a cubrir dita demanda. “Por que a xente fai cursos noutras comunidades?”, preguntouse ante o desprazamento dun gran número de persoas a fóra de Galicia para realizar formacións que deberían poder facerse en puntos próximos aos seus lugares de residencia. Ao fío diso apuntou o problema que está a provocar para arredor de 7.000 persoas a obtención en Castela e León da acreditación para o uso de produtos fitosanitarios, homologada pola Xunta sen verificación previa e agora anulada pola Xustiza. “Que ten previsto facer o Goberno do PP para darlles unha solución? Queremos que aproveite estes centros para paliar esta situación”, dixo a parlamentaria socialista ante o “silencio” da propia conselleira sobre o que considerou unha “mostra palpable da desidia da Xunta”.
Méndez defendeu que os centros de Guísamo, Becerreá, Sergude, Ribadeo, Monforte e Lourizán deben ser “instrumentos que dinamicen o noso rural”, como referencia para aproveitar os recursos de cada unha das zonas nas que se sitúan e reverter nelas o coñecemento que xeran.