Site icon Crónica3.com A Mariña

O Ingreso Mínimo Vital amplía a protección económica de 16.000 lucenses, chegando a preto de 6.000 fogares da provincia

O 55,14% das persoas beneficiarias na provincia son mulleres

Lugo, 6 de xuño de 2025. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, sinalou hoxe o impacto positivo do Ingreso Mínimo Vital (IMV) na protección económica dos lucenses, unha iniciativa social pioneira do Goberno de España que, desde a súa aprobación hai cinco anos, chegou na provincia a 5.996 fogares.

Isabel Rodríguez apuntou que o importe acumulado da prestación en Lugo é de 90.061.567,36 euros, cunha contía media mensual para as persoas beneficiarias de 515,50 euros.

A subdelegada concretou nesta liña que actualmente perciben esta prestación un total de 16.707 persoas, das que 9.212 son mulleres (55,14%) e 7.494 homes (44,86%).

Isabel Rodríguez subliñou a importancia desta ferramenta clave no escudo social impulsado polo Goberno para reducir as desigualdades sociais e baixar as taxas de pobreza.

No conxunto de Galicia, hai 46.904 fogares perceptores beneficiando directamente a 125.033 persoas cun importe bruto acumulado de máis de 676 millóns de euros, e unha contía media mensual por fogar de 500,99 euros.

Para Isabel Rodríguez esta prestación é esencial para seguir reducindo a pobreza estrutural e atender especialmente as necesidades das familias con menores.

A subdelegada incidiu no compromiso responsable do Goberno de España na implantación do Ingreso Mínimo Vital para avanzar no obxectivo irrenunciable de alcanzar novas conquistas de xustiza social.

Exit mobile version