Durante o ano 2024, o Concello tramitou un número importante de expedientes catastrais grazas ao convenio vixente, o que evitou que os trámites tivesen que ser xestionados directamente pola veciñanza. Estes expedientes contemplaron diferentes tipos de xestión, como novas construcións, segregacións, cambios de uso e titularidade, entre outros. Ademais, a Oficina Técnica do Concello desenvolveu tarefas relacionadas coa catalogación de dominios públicos que facilitaron a regularización de certas situacións en inmobles colindantes.
Ata o momento, no ano 2025, xa se tramitaron varias decenas de expedientes vinculados á alteración da orde xurídica, xestión que se prevé incorporar no novo convenio que se someterá a aprobación.
Outro dos puntos centrais do pleno será a modificación das ordenanzas fiscais que afectan ás taxas de sumidoiro e de distribución da auga. Desde 2020 non se actualizaban estas tarifas conforme ao IPC, e aínda que en 2024 se aplicou un incremento do 9,6%, quedaba pendente outro do 6,9%. Tendo en conta o IPC anual entre agosto de 2023 e agosto de 2024, que é do 2,3%, o incremento total previsto para este ano é do 9,4%. Este axuste ten como obxectivo garantir a sustentabilidade económica do servizo.
“A ninguén lle gusta subir taxas, pero gobernar tamén é dicir a verdade e actuar con responsabilidade. Non facelo implicou que o Concello asumise unha débeda acumulada duns 200.000 euros, e iso non se pode manter no tempo”, explica a alcaldesa Carmela López. “O Concello ten agora as contas saneadas e poderá facer fronte á amortización desa débeda sen comprometer nin servizos públicos nin investimentos clave”, conclúe López.
Ademais, no pleno abordaranse cuestións relacionadas con bonificacións fiscais para proxectos promovidos pola Confraría de Pescadores e a tramitación do Plan Económico-Financeiro, un trámite legal para garantir o control orzamentario.
A sesión terá lugar ás 20:00 horas no salón de plenos da Casa Consistorial e non admitirá participación a distancia.