O PP de Foz solicita que se redobre o número de efectivos ou que se contrate persoal e medios suficientes para garantir que os traballos de desbroce e limpeza se leven a cabo con urxencia
Dende o PP local xa se trasladou esta preocupación ao goberno municipal durante a última sesión plenaria, preguntando cando se ían iniciar os traballos de rozado e limpeza. Porén, as respostas do alcalde foron “totalmente fóra da realidade”, sen recoñecer o evidente estado de abandono que sofren moitas zonas do municipio.
“Non é de recibo que se lles esixa aos veciños, incluso baixo ameaza de sancións administrativas, que manteñan limpas as súas fincas, mentres o propio Concello non dá exemplo e é incapaz de manter os espazos públicos nas condicións axeitadas”, afirma o voceiro popular, Javier Castiñeira.
O PP de Foz solicita que se redobre o número de efectivos ou que se contrate persoal e medios suficientes para garantir que os traballos de desbroce e limpeza se leven a cabo con urxencia. A imaxe que están a levar os numerosos turistas que xa visitan Foz é “de abandono total”, con paseos cubertos de maleza e merendeiros inservibles pola falta de mantemento municipal.
Os populares critican tamén que o goberno local recorra ano tras ano ás mesmas desculpas, como a da chuvia primaveral, para xustificar a súa inacción. “As condicións meteorolóxicas non son unha sorpresa; o que fai falta é planificación e vontade de traballar polo ben común”, insiste Castiñeira.
Finalmente, o PP considera que esta situación é unha mostra máis da desorganización existente no Concello, agravada pola falta de orzamentos municipais a estas alturas do ano. “Levamos medio ano e seguimos sen coñecer os presupostos, o que repercute directamente na precariedade de servizos como o desbroce ou a falta de investimentos fundamentais para o bo funcionamento da administración local”, conclúe o voceiro do PP de Foz.