Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP esixe ao alcalde de Trabada que inicie de inmediato un plan ordenado de desbroce das vías de titularidade municipal

José María Fernández denuncia que a vexetación invade parte da calzada en todas as vías e camiños municipais polo que urxe ao goberno local a iniciar de inmediato os traballos de limpeza da vexetación “para garantir a seguridade”

Trabada, 20 de xuño de 2025. Dende o Grupo Municipal do PP de Trabada instan ao alcalde a “iniciar de inmediato un plan ordenado” de limpeza viaria e desbroce da vexetación que invade vías e camiños municipais, “xa que os traballos realizados ata agora non teñen orde e non están ben rematados, deixando balados sen rozar”.

O voceiro popular, José María Fernández, explica que “Trabada ten que contar coas vías de titularidade municipal en boas condicións, polo que urxe iniciar de forma ordenada o desbroce da vexetación para garantir a seguridade”.

José María Fernández recorda que en todo o municipio a vexetación medrou sen control nos últimos meses “sendo necesaria a súa limpeza” pero “o equipo de goberno fai o que quere, sen preocuparse de forma real pola seguridade”, polo que “urxe realizar os traballos de desbroce de forma correcta, eliminando a vexetación correctamente para garantir a seguridade viaria e mellorar a imaxe do municipio ás portas da temporada de verán”.

O voceiro popular fai esta petición “porque hai que garantir a seguridade” en todas as vías municipais xa que “o espazo para a circulación dos vehículos redúcese notablemente ao invadir a vexetación parte da calzada por ambas marxes”.

José María Fernández recorda a necesidade de que Trabada conte cun plan de limpeza e desbroce durante todo o ano “sen ter que agardar á improvisación de cada verán, o que da unha imaxe de municipio abandonado, pero coma sempre tentará lavar a cara en dúas semanas como sucedeu nos últimos anos”.

Exit mobile version