Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pide explicacións aos gobernos local e estatal ante os “problemas de conectividade” no rural de Trabada

Os populares consideran que “en pleno 2025 non podemos estar sen cobertura e sen rede de fibra óptica”

Trabada, 6 de xuño de 2025. O Partido Popular impulsa unha acción coordinada para esixir explicacións sobre as medidas adoptadas polos gobernos no Concello e en España ante os problemas de conectividade no rural de Trabada.

Os populares advirten de prexuízos para a actividade diaria de veciños e empresas” e condenan “este illamento das zonas rurais e de montaña” que “dificulta o asentamento da poboación e o desenvolvemento da actividade económica”.

O portavoz municipal, José María Fernández, considera que “a cobertura de telefonía e a rede de fibra óptica é unha prioridade absoluta no 2025”. Así, lembra que “o PSOE prometera no 2015 conectar todo Trabada” e “10 anos despois vemos que non fixeron nada”. É máis, “os problemas de cobertura na parroquia de Fórnea solucionáronse coa instalación dunha torre de comunicación coa colaboración da Xunta”. Con todo, “na parroquia de Balboa, moitos veciños e veciñas continúan sen cobertura”.

Os senadores pola provincia – José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- xa teñen pedido explicacións ao Goberno de España “que é a administración competente na materia” polos problemas de conectividade no territorio da provincia” e agora dirixen formalmente por escrito ao Goberno de Sánchez preguntas sobre a situación en Trabada: as medidas que ten adoptado para corrixir a falta de servizo, se ten previsto un estudo integral sobre a cobertura da rede de fibra óptica na zona rural do municipio e se realiza seguimento das solucións adoptadas para verificar que se corrixen eses problemas en materia de acceso a Internet e telefonía.

Os senadores amosan as súas dúbidas sobre a realización do seguimento das solucións que o Goberno de Sánchez asegura que implanta sobre o terreo, “pero que non se está traducindo na práctica en melloras para algúns territorios e zonas máis rurais ou illadas”.

Os populares cren que “procede realizar un estudo sobre a cobertura da rede de telecomunicacións na zona rural do municipio, determinar as necesidades dos diferentes núcleos de poboación e levar a cabo as medidas e xestións que esixir e fomentar que as compañías distribuidoras de fibra e telefonía faciliten o acceso a estes recursos ao maior número posible de veciños deste municipio”.

O GOBERNO XESTIONA MILLÓNS DE FONDOS EUROPEOS PARA CONECTIVIDADE

O senador mariñán, José Manuel Balseiro, cre que “o acceso á fibra óptica, Internet ou cobertura telefónica de calidade é indispensable para que casas rurais, ganderías, cooperativas ou calquera outra iniciativa industrial ou empresarial, poidan competir en condicións de igualdade que aquelas que se atopan nas cidades ou en polígonos industriais”.

E incide en que “a pesar de que o Goberno de España presume de garantir o acceso, a prezo accesible, a banda ancha ultrarrápida e a telefonía ao 100 % da poboación; o certo é que hai grandes áreas privadas destes servizos”.

A situación é especialmente paradoxal tendo en conta que ministerios como o de Transición Ecológica y Reto Demográfico e o de Transformación Digital y Función Pública xestiona inxentes cantidades de fondos europeos destinados a conectividade e, en particular, á extensión das redes no rural.

Exit mobile version