Site icon Crónica3.com A Mariña

O PPdeG asegura que o Hospital da Mariña “ten hoxe máis servizos, máis prestacións, máis especialistas e máis calidade asistencial que nunca”

Encarna Amigo criticou que “se disfrace de reivindicación sanitaria o que é claramente unha estratexia pública partidista”

Compostela, 24 de xuño de 2025. A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o Hospital da Mariña de Burela “ten hoxe máis servizos, máis prestacións, máis especialistas e máis calidade asistencial que nunca, e iso non se podería conseguir sen coordinación e sen planificación de área”. Neste sentido, asegurou que queremos seguir mellorando a atención sanitaria nesta comarca e criticou que “se disfrace de reivindicación sanitaria o que é claramente unha estratexia política partidista, como vemos en certas plataformas ateigadas de cargos públicos e militantes do PSOE e do BNG”.

Encarna Amigo manifestou que a integración do Hospital da Mariña na área sanitaria de Lugo “non supuxo perda algunha, senón todo o contrario: gracias á área sanitaria única optimizáronse recursos, ampliáronse servizos, reforzáronse equipos multidisciplinares e garantiuse a continuidade asistencial dos pacientes desta comarca lucense”.

En concreto, salientou que o Hospital da Mariña conta desde 2010 con 154 profesionais máis traballando no centro hospitalario, o que supuxo un incremento do 28,5 por cento. “Agora mesmo, profesionais dos hospitais universitarios de Lugo, de Monforte e de A Coruña estanse a desprazar á Mariña para reforzar aqueles servizos hospitalarios que o precisan, tanto en gardas como en consultas”, indicou a portavoz popular.

MÁIS ESPECIALISTAS E MELLORAS LABORAIS

“Hoxe está a piques de resolverse un concurso que xa permitiu incorporar cinco novos especialistas ao Hospital de Burela e que servirá para cubrir 17 prazas máis”, dixo Encarna Amigo, quen incidiu que “os servizos do Hospital da Mariña non fixeron máis que verse incrementados ao longo das lexislaturas do Goberno do PPdeG, en ámbitos tan importantes como a oncohematoloxía, coa que se evitan milleiros de desprazamentos cada ano; o servizo de hospitalización a domicilio ou a resonancia magnética fixa”.

Encarna Amigo apuntou que “tamén se puxeron en marcha medidas de calado a nivel laboral para mellorar as condicións dos profesionais e facer máis atractivas as prazas deste centro hospitalario”. Así, explicou que “os profesionais que apostan por traballar na Mariña reciben unha puntuación adicional e melloras para avanzar na súa carreira profesional”.

“Gracias ás medidas adoptadas pola Xunta, hoxe temos prazas clave cubertas no Hospital da Mariña e nos centros de saúde da comarca que doutro xeito seguirían vacantes, medidas que foron posible porque se puxeron en marcha leis e convocatorias que tanto BNG como PSdeG votaron en contra”, sinalou.

Para rematar, a portavoz popular destacou que o Hospital da Mariña “tamén viu mellorada a súa infraestrutura desde 2018, a través da súa ampliación e remodelación integral con máis de 6.000 metros cadrados, novas habitacións e consultas, logo dun investimento de 20 millóns de euros, e xa se prevé un novo investimento doutros 30 millóns de euros para a mellora deste centro hospitalario”. Fronte a isto, lembrou que o Goberno bipartito de PSdeG e BNG prevía a integración do Hospital da Mariña na área sanitaria de Ferrol, que abarcaría as actuais áreas sanitarias do norte de Lugo e de Ferrol.

Exit mobile version