José Tomé Roca deu a benvida aos responsables municipais convocados en San Marcos para celebrar unha xornada técnica sobre os obxectivos deste programa de dixitalización da información municipal no que a Deputación inviste 1,3M€
Na xornada, participaron máis de 50 persoas, entre alcaldes, alcaldesas, tenentes de alcaldes e técnicos municipais, un feito que destaca a importancia e o compromiso dos concellos co avance tecnolóxico e a modernización da administración local.
Esta nova iniciativa da institución provincial ao servizo dos concellos está pensada “para avanzar na modernización da administración local”, explicou o mandatario provincial, quen valorou ademais que “contar cun padrón municipal actualizado, rigoroso e vinculado ao territorio é clave para planificar ben, xestionar mellor e tomar decisións informadas”. “Iso é o que nos propoñemos con Xeopadrón: mellorar a calidade dos datos do padrón, depuralos e vincular esa información cunha base de datos xeorreferenciada de fogares e vivendas. Un paso estratéxico cara ao futuro Padrón Online que está desenvolvendo o INE a nivel estatal”, argumentou.
Agradeceu o compromiso dos Alcaldes e das Alcaldesas que decidiron sumarse voluntariamente a esta iniciativa que conta con 1,3M€ procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea. “Desde 2019, levamos conseguido máis de 18 millóns de euros en fondos europeos, e con eles estamos a transformar servizos e estruturas nos concellos da provincia”, recordou o Presidente.
Sinalou que Espúblico, a empresa encargada dos primeiros traballos –adxudicados por 415.811,66€-, dedicará a xornada a explicar en detalle como se vai levar a cabo a implantación, o contraste de datos e a integración cos sistemas municipais.
“Desde a Deputación, entendemos Xeopadrón como unha peza máis da nosa estratexia de apoio aos concellos, unha estratexia firme, constante e transversal”, argumentou Tomé Roca. Puxo como exemplo outras iniciativas como o programa Impulsa TIC, “co que dixitalizamos administracións e modernizamos equipamentos, agora seguimos por ese camiño, centrados na calidade da información e na eficacia na xestión”.
Finalizou a súa intervención co compromiso de “traballar con rigor, con coordinación e cun obxectivo común: darlle ós concellos ferramentas máis modernas e máis útiles para servir mellor á cidadanía”, porque segundo concluíu “cando os concellos avanzan, avanza a provincia de Lugo”.
Na xornada desta mañá participaron ademais Marcos Vázquez Rodríguez, xerente de grandes contas de Espúblico, Pepa García Pérez, xefa do proxecto da empresa e tamén a responsable de produto de I+D, Cristina Gimeno García.