Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG-PSOE de Viveiro agradece o traballo do dispositivo de emerxencias e a colaboración da veciñanza ante a alerta na traída de auga

A voceira socialista, María Loureiro, destaca a coordinación institucional e pon en valor a unidade por enriba das diferenzas políticas

Viveiro, 9 de xuño de 2025. O PSdeG-PSOE de Viveiro quere trasladar publicamente o seu agradecemento a todos os equipos e persoas que traballaron incansablemente durante a fin de semana para facer fronte á situación xerada pola vertedura de purín no río Landro e as consecuencias sobre o subministro de auga no municipio.

A voceira socialista, María Loureiro, quixo recoñecer “o despregamento e o esforzo incansable do persoal de Medio Ambiente, Bombeiros, Policía Local, Protección Civil e dos técnicos do Concello”. Tamén quixo destacar “a colaboración do Concello de Cervo e da empresa subministradora Viaqua. Traballaron sen descanso para garantir a seguridade da veciñanza e a continuidade do servizo”, apuntou.

Desde o PSdeG-PSOE de Viveiro poñen tamén en valor o comportamento exemplar da cidadanía. “Queremos dar as grazas ás veciñas e veciños de Viveiro, que unha vez máis entenderon a situación extraordinaria e colaboraron en todo, con responsabilidade e calma”, expresou Loureiro.

Neste contexto, María Loureiro mantivo contacto coa Alcaldesa Mariña Gueimunde, para interesarse directamente pola evolución da situación e trasladar a súa disposición a colaborar en todo aquilo que precisasen. Desde o PSdeG-PSOE destacan a importancia de manter canles de comunicación fluídas e lealdade institucional en momentos sensibles para o municipio.

Loureiro subliñou a importancia de actuar con responsabilidade institucional nestas circunstancias. “O importante nestas situacións é deixar a un lado as diferenzas políticas e sumar esforzos. A unidade é clave cando falamos da saúde e do benestar da nosa veciñanza”.

Exit mobile version