Os socialistas lembran que foi o propio Salgueiro quen aprobou en 2012 un PXOM que impedía construír vivendas unifamiliares nesta zona, malia que xa nos anos 90 se dotara de infraestruturas básicas cunha clara intención de unir e cohesionar os núcleos de Xove e Palmeiro. “Nunca é tarde para rectificar”, apuntan desde o PSdeG, “pero resulta evidente que esta proposta responde máis ao calendario electoral que a unha verdadeira planificación a longo prazo”.
Desde o Grupo Municipal Socialista tamén se denuncia a renuncia do Goberno municipal do PP a dous accesos clave previstos no proxecto da vía de alta capacidade: un fronte ao campo de fútbol -que daría servizo á Urbanización Palmeiro, á parroquia da Rigueira e á zona sur do municipio-; e outro fronte ao Polígono Industrial de Camba. “Foi o equipo de Salgueiro quen aceptou anular eses enlaces a cambio dun único acceso intermedio na zona de Parceiros, deixando a vila de Xove e a súa contorna máis inmediata totalmente illadas”, subliñan.
Para o PSdeG-PSOE de Xove, esta nova recalificación é un simple parche dentro dunha política urbanística sen dirección: “en dezaoito anos de Goberno do PP non se fixo nada por favorecer a construción de vivenda, nin nos centros urbanos, nin nas parroquias e agora pretenden tapar a súa inacción con medidas improvisadas”.
A agrupación socialista conclúe advertindo que “Xove non pode seguir perdendo oportunidades por culpa da falta de proxecto do Partido Popular. É necesario un modelo de vila pensada para medrar, para atraer poboación e actividade económica, e iso só será posible cun cambio real na forma de gobernar e de planificar o futuro”.