A Secretaria de Organización do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, Pilar García Porto, advertiu que “a Xunta ten unha moi boa oportunidade para abandonar esa política de desleixo á que nos teñen afeitos en materia de vivenda e impulsar unha política útil para os galegos e galegas, e tamén para os veciños e veciñas desta provincia”.
García Porto considera “positivo e necesario” que o Goberno galego acepte a proposta do Executivo estatal, que se compromete a asumir o 60% do investimento público en vivenda, mentres que Galicia tan só tería que aportar o 40% restante. “É o momento de dar un paso adiante e asumir responsabilidades”, subliñou.
García Porto subliñou que “debemos, como galegos e galegas, aceptar esa proposta pensando sobre todo que Galicia unicamente tería que aportar o 40% dos fondos, mentres que o Goberno asumiría o 60%”. Ademais, lembrou que “o ano pasado o Goberno galego só executou o 30% do programa de acceso á vivenda, quedando máis dun 44% dos fondos sen executar”, polo que instou á Xunta a “tomar nota” e apostar polo futuro cun plan de vivenda útil.
Desde o PSdeG-PSOE da provincia de Lugo reiteran o seu compromiso con políticas públicas que garantan o acceso á vivenda e consideran imprescindible que a Xunta aproveite o acordo proposto polo Goberno de España para dar resposta ás necesidades reais da cidadanía.