Á fronte da executiva estarán o secretario xeral Fran Cajoto e o responsable de organización Carlos García, que impulsarán unha etapa marcada pola seriedade, a constancia e o traballo diario. A agrupación aposta por facer política dende a proximidade, co foco posto nos pequenos xestos que melloran o día a día das persoas. Esta é a base do seu enfoque, que definen como “A Pequena Política”: unha forma de gobernar sen alardes, sen ruído, pero con utilidade e sentido común.
“Temos claro que non se precisa grandilocuencia para facer política útil. A verdadeira transformación empeza nas cousas pequenas: nos servizos que funcionan, nos espazos que se coidan, na administración que atende e escoita”, explicou Fran Cajoto.
A nova executiva traballará co obxectivo de construír un novo proxecto de cidade con vistas ao 2027, baseado na planificación, na participación cidadá e na aposta polo ben común.
“A nosa prioridade é facer de Foz unha vila máis amable, accesible e viva. Queremos sumar coa veciñanza, co tecido asociativo e con todos os que queiran achegar. A política tamén é saber coidar, e iso é o que entendemos por a política que importa”, sinalou Carlos García.
O PSOE de Foz inicia así unha nova etapa centrada no realismo, a experiencia e a escoita activa. Un proxecto que foxe do espectáculo e aposta por un xeito de facer política honesto, directo e centrado nas persoas.