A alcaldesa reunirase co xerente de Augas de Galicia para confirmar a participación da Xunta na financiación da nova depuradora de San Miguel
Segundo trasladou a rexedora, a empresa pública xa analizou o proxecto redactado por Augas de Galicia no seu momento; concluíndo a necesidade de redacción dun novo documento que se adapte ás distintas normativas técnicas existentes, dado o tempo transcorrido desde a redacción do anterior.
Á espera dunha reunión que manterá a alcaldesa en Augas de Galicia nas vindeiras semanas para confirmar a participación da Xunta de Galicia, que tiña comprometido cando menos un 33% do proxecto, a entidade estatal avanza na elaboración de borradores de convenios e documentación que permita avanzar na construción da nova infraestrutura; con cuxa sinatura se comezaría cos trámites para a redacción do proxecto e a posterior execución.
O subdirector visitou as instalacións de San Miguel, Reinante e Sarxendez para analizar a posibilidade de eliminar as dúas últimas como depuradoras e convertelas en bombeos; baseándose en cuestións de rendemento e eficiencia. Tamén puido comprobar os terreos nos que se prevé o proxecto e para cuxa adquisición o Concello xa conta con partida orzamentaria.
A empresa pública dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica, formulará ao Concello de Barreiros unha proposta de financiación a 30 anos que permite a entrada doutras institucións para poder reducir a cantidade a afrontar desde o ente municipal.
Ana Ermida explicou que na reunión con Augas de Galicia “trasladaremos a oportunidade histórica que ten Barreiros de construír unha depuradora tras o esforzo realizado polo goberno municipal para obter unha fórmula de financiación viable que desencalla a situación na que leva tantos anos Barreiros.” A alcaldesa tamén explicou que “pediremos o compromiso da Xunta na participación da mesma; tendo en conta que fomos quen de buscar unha fórmula que nos permite construír unha EDAR tan necesaria e que coa proposta inicial que se trasladaba desde a Xunta era inviable para o Concello.”