Site icon Crónica3.com A Mariña

O Vencello pídelle ao Concello de Burela que implemente axudas á rehabilitación e promova a construcción de vivenda protexida

Burela, 4 de xuño de 2025. Na asociación de veciños O Vencello sabemos que a vivenda converteuse nun dos maiores desafíos sociais e económicos de todo o Estado e Burela non está allea á este problema. Decenas de cidadáns enfróntanse día a día a serias dificultades para atopar un fogar digno a un prezo alcanzable no noso concello.

A crise no sector inmobiliario responde a múltiples causas estruturais e o certo é que, na actualidade, adquirir ou alugar un piso só está ao alcance duns poucos.

Diante desta situación preguntámonos que están a facer os nosos gobernantes locais… Ata onde nós sabemos, nada. Tan só un anuncio en prensa da alcaldesa en febreiro pasado, onde amosaba a súa intención de restrinxir as vivendas turísticas e do que descoñecemos os detalles, aínda que nos tememos que non solucionara o problema da oferta de vivenda, se non máis ben o contrario.

Creemos que ademais de elaborar ordenanzas restritivas, o Concello tamén debería implementar bonificacións e axudas aos propietarios para fomentar o arranxo dos moitos pisos dos 80-90 que existen en Burela e que aínda permanecen sen rematar.

Torrentes

Despois de 20 anos de que o Concello aprobara a Unidade Urbanística de Torrentes, a día de hoxe descoñecemos en que situación legal se atopan devanditos terreos, nin tampouco cal é a superficie de solo municipal da que dispón o Concello nesta zona.

Ata onde sabemos, a liquidación deste proceso está pendente de resolverse, así como a execución de sentencias firmes que obrigan ao Concello a facer unha nova reparcelación e a indemnizar aos propietarios afectados.

Isto fai que unha das bolsas de solo urbano máis importantes do noso municipio permaneza nun limbo xurídico despois de dúas décadas, o que vai en detrimento da expansión urbanística e da construción de obra nova.

Cesión de terreos municipais para a promoción de vivenda social

Creemos que o Concello debería tomar a iniciativa e dar un paso adiante favorecendo e impulsando o parque de vivenda protexida para reafirmar así a súa preocupación e interese por garantir que os bureleses e burelesas poidamos ter acceso a unha vivenda digna.

Igual que fixo hai uns días o Concello de As Pontes, Burela tamén podería promover -se quixera- a firma dun convenio de colaboración coa Consellería de Vivenda a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo para a implantación do programa de oferta de solo de titularidade municipal mediante a cesión de terreos urbanos de propiedade municipal (en Torrentes ou noutra zona de Burela) cos que podería ofrecer mediante concurso público parcelas para que promotores públicos ou privados; e tamén por suposto cooperativistas, poidan construír vivenda protexida, tanto en réxime de alugueiro como de venda.

Exit mobile version