Site icon Crónica3.com A Mariña

O XX Torneo Benxamín e Prebenxamín de fútbol base que organiza a SD Ribadeo reunirá esta fin de semana na vila a 600 nenos

Ribadeo, 5 de xuño de 2025. Os días 7 e 8 de xuño terá lugar o XX Torneo Benxamín e Prebenxamín de fútbol base que organiza a SD Ribadeo. O evento reunirá na vila a 600 nenos procedentes de Asturias, Castela-León, Galicia e Portugal. Os partidos xogaranse no estadio municipal Pepe Barrera, no Ceip Gregorio Sanz e no Campo da Vía.

Na presentación participaron o presidente da SD Ribadeo, Óscar Otero; o coordenador de Fútbol 8 da SD Ribadeo, Aitor García; a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez; o alcalde ribadense, Dani Vega; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta en Lugo, Manuel Otero; o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent; e o técnico municipal de Deportes, Iván López.

Desde a organización explican que “teremos en Ribadeo esta fin de semana a 600 nenos para disputar este torneo. Son 32 equipos na categoría de benxamín e 21 na de prebenxamín. Veñen equipos de Asturias, Castela-León e Galicia e contamos cun equipo portugués na categoría benxamín”.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, manifestou que “unha fin de semana máis do mes de xuño Ribadeo rexistrará unha importante afluencia de xente á nosa vila, porque a maioría destes nenos veñen acompañados das súas familias. Agardamos que gocen do deporte e dos seus valores e que aproveiten para coñecer Ribadeo”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, subliñou que “estes torneos teñen unha grande importancia para os hoteis, bares e restaurantes de Ribadeo nun mes coma o de xuño e tamén para o comercio. Son eventos que combinan o deporte co turismo e convértense nun revulsivo para o tecido empresarial ribadense”.

Organiza os torneos a SD Ribadeo, coorganiza Deporte Galego e colaboran Concello de Ribadeo, Acisa, Deputación de Lugo, Gadis e Eroski.

Exit mobile version