“O presidente da Xunta de Galiza ten que comparecer para explicar o abrazo da vergoña, para explicar por que se ocultou durante catro meses unha denuncia por agresión sexual contra o conselleiro do Mar e por que se iniciou toda unha campaña absolutamente indigna e indignante de criminalización e acusación contra unha muller que deu un importantísimo paso adiante para denunciar unha presunta agresión sexual”, asegurou Rodil desde o seu escano ao inicio do Pleno, que arrincou, a iniciativa do BNG, coa petición de comparecencia de Alfonso Rueda.
O PP impuxo o seu veto no Pleno e, previamente, na Xunta de Portavoces, á que o Bloque levou tamén esta cuestión, desde o convencemento de que “o mínimo é que este Parlamento sexa capaz de asumir a responsabilidade que ten o Goberno da Xunta de Galiza en todo este asunto”, así como “a necesidade democrática de vir a explicar aquí unha situación absolutamente inaceptable, excepcional e insólita para a política do noso País”.
“Hai razóns máis que suficientes para que o máximo responsable do Goberno galego dea explicacións”, incidiu a viceportavoz nacionalista, subliñando en primeiro termo o “inaudito” do acontecido, porque “nunca pasou que un conselleiro, no seu cargo, fose denunciado por unha agresión sexual e tivese que dimitir por esta razón”.
En segundo lugar, Rodil referiuse á “indecente reacción” que “tivo e está a ter” o Goberno do PP diante de “feitos tan graves”, “tratando como un heroe nacional ao presunto agresor e deslizando, sementando, a dúbida sobre a denunciante”. “Isto é absolutamente indignante”, engadiu, para recordar que a Xunta ten a “máxima responsabilidade de protexe e salvagardar ás mulleres que dan un paso tan difícil como denunciar unha agresión sexual”.
A deputada do BNG argumentou, en terceiro lugar, que Rueda ten que aclarar se foi o entorno do ex conselleiro quen filtrou a identidade da vítima, “lanzando toda unha presión sobre ela e violando o seu dereito á intimidade.
Consumido o veto do PP, Rodil preguntouse, máis unha vez, “que intenta ocultar o PP, por que segue agochándose o presidente da Xunta e por que se nega a dar explicacións sobre un caso tan grave que lle afecta directamente o seu goberno”.
55 segundos de cobertura informativa
Olalla Rodil referiuse tamén a este asunto na súa intervención antes da votación sobre a candidata do PP a dirixir á CRTVG, que o BNG non apoiou, entre outros motivos, porque é unha “candidata de parte” que “leva oito anos exercendo con man de ferro o control político no seo da radio e da televisión públicas de Galiza”. A denuncia por agresión sexual ao ex titular de Mar foi, agregou, un “exemplo palmario” de como o PP utiliza os medios públicos como ho seu “terminal de propaganda”.
Afondando nesta cuestión, denunciou que a imputación por agresión sexual foi “titular dun día” e só mereceu 55 segundos. “O día seguinte a noticia xa era outra, a nova conselleira, e ao terceiro día… aquí no ha pasado nada”, dixo Rodil, que contrapuxo o tratamento informativo da denuncia a Villares co relativo á denuncia a Íñigo Errejón por unha denuncia de agresión sexual: catro días, tarde e noite, abrindo o telexornal.
Unha demostración máis, salientou, de que o PP “utiliza a violencia machista e as denuncias que con valentía presentan as mulleres como arma arreboladiza por intereses electoralistas e partidistas”.
“E agora tratan como un heroe, traéendo en bolandas, como se acabase de gañar a Champións League” a un presunto agresor sexual, concluíu.