Carmela Lopez, alcaldesa de Burela, e Javier Martínez, presidente do GALP A Mariña – Ortegal deron comezo ao acto poñendo en valor a implicación das asociacións locais no desenvolvemento de Ondas Limpas. Así mesmo, púxose de manifesto a importancia de vincular ás persoas novas co coidado do mar, o seu desfrute, e as súas posibilidades como xerador de emprego local no paraugas da Economía Azul.
A charla central desenvolveuse co mural participativo de fondo, dando cor e alegría ao Departamento GAIA, o Burela Surf Club e Belen Mogo e Martín Lestao, artistas locais. O mural xa se pode visitar no paseo da Marosa, e foi elaborado en colaboración cos colexios locais e as asociacións de inclusión social, ao longo desta primaveira. Empregáronse materiais de refugallo recollidos nas limpezas de praia, coordinadas polo Departamento ambiental GAIA.
Así mesmo, o Burela Surf Club, impulsores desta iniciativa, desenvolveron charlas medio ambientais con surfistas de referencia e ofreceron á veciñanza burelá sesións de iniciación ao surf nas que participaron máis de 50 veciños e veciñas de todas as idades.
A xornada rematou coa estrea do vídeo resumo do proxecto, realizado por Arracada Producións e que pronto se compartirá nas redes do Concello. A xornada contou con elaboracións de produto pesqueiro realizadas polo IES de Foz, co obxectivo de poñer en valor os produtos do mar e celebrar os éxitos do proxecto Ondas Limpas.
Ondas Limpas contou co financiamento do GALP A Mariña Ortegal a través do FEMPA. O seu obxectivo foi o reforzo do coidado medio ambiental mediante un programa de actividades de sensibilización, deporte no mar e arte participativa.