Site icon Crónica3.com A Mariña

Os Reis visitarán Burela o vindeiro martes, 17 de xuño, nun acto vencellado á pesca

Burela, 10 de xuño, 2025. O Concello de Burela informa de que o vindeiro martes, día 17 de xuño, as súas maxestades os Reis visitarán Burela nun acto vencellado á pesca, ao que o mar nos dá, ao que somos. Trátase dunha visita de especial simbolismo para a nosa vila, estreitamente ligada ao mar, á súa cultura, economía e identidade.

A presenza da Casa Real supón un recoñecemento a Burela como un dos centros pesqueiros máis importantes do país, cun porto que leva décadas apostando pola calidade, a modernización e a competitividade, e cunha lonxa que se ten consolidado como referente no sector.

Burela medrou grazas ao sector do mar. Máis de cen anos de historia, traballo e sacrificio dan sentido a unha identidade que nos une. Porque Burela é mar. Sempre foi. Sempre será.

“O martes 17 será un día importante para Burela. Un día para dicir con orgullo o que somos”.

O Concello de Burela agradece esta visita como un xesto de apoio institucional e un impulso para seguir defendendo a pesca como motor económico, social e cultural do noso territorio.

Exit mobile version