María Loureiro denuncia a falta de persoal médico e a precariedade da atención que está a sufrir a poboación de Viveiro
A agrupación socialista considera imprescindible mobilizarse e denuncia o grave deterioro dos servizos sanitarios. “Non podemos seguir normalizando situacións como que de once médicos que nos corresponden, haxa só sete, e en ocasións aínda menos, ou que se tarden máis de 20 días en conseguir unha cita con atención primaria”, lamenta a voceira socialista, María Loureiro.
Desde o PSdeG denuncian que a situación no Centro de Saúde é insostible: profesionais sanitarios desbordados, vacantes sen cubrir, listas de espera interminables e derivacións constantes ao Hospital de Lugo, que saturan o sistema e prexudican gravemente a atención da poboación da Mariña. “Estamos peor que hai vinte anos e a Xunta de Galicia non está a actuar coa urxencia que require esta situación”, engade Loureiro.
A voceira socialista lembra que a sanidade é unha competencia exclusiva da Xunta de Galicia e reprocha ao goberno municipal do PP a súa actitude pasiva ante os recortes e o deterioro do servizo. “Non se pode gobernar mirando para outro lado mentres os veciños sofren. Pedímoslle á Alcaldesa que rompa o seu silencio, que abandone a submisión ante Santiago e que se sume con claridade á concentración do xoves. A saúde está por enriba dos intereses partidarios”, subliña Loureiro.
Desde o PSdeG de Viveiro lamentan que, fronte a unha situación crítica que leva anos denunciándose, o Concello teña preferido calar antes que reclamar. “A veciñanza merece un goberno local que alce a voz, non un cómplice dos incumprimentos da Xunta. Xa abonda de escusas e promesas baleiras. É hora de dar a cara e defender unha sanidade pública de calidade”, conclúen.