Site icon Crónica3.com A Mariña

Pablo Vizoso: “Por primeira vez en moitos anos o goberno municipal de Ribadeo non ten aforros suficientes para facerlle fronte as facturas pendentes do exercicio anterior”

Ribadeo, 2 de xuño, 2025. O grupo municipal do BNG de Ribadeo confirma todas as súas sospeitas despois de ter acceso a conta xeral do ano 2024. Hai facturas pendentes por valor de 662.590€ e só poden declarar aforros por valor de 224.753€ para facerlle fronte.

“As contas son sinxelas e non dan. O anterior goberno do BNG deixou aforrados máis de 1.660.000€. En tan só dous anos o goberno popular despilfarrou dos remanentes máis de 1.400.000€ chegando ao punto de non ter aforros para pagar as facturas pendentes”.

O voceiro do grupo municipal, Pablo Vizoso, explica: “Por primeira vez en moitos anos o goberno municipal non ten aforros suficientes para facerlle fronte as facturas pendentes do exercicio anterior. Non podemos dicir que estamos sorprendidos porque é algo que denunciamos e levamos vendo vir moitos meses, o despilfarro e o gasto sen control acaba tendo estas consecuencias. As contas están ben claras e inda nos faltan as facturas que entraron en xaneiro e febreiro deste ano e que, de seguro, aumentarán a débeda pendente. Neste momento son 662.590€ en facturas pendentes do ano 2024 e o Concello só puido declarar aforros por valor de 224.753€. Animo aos veciños e ás veciñas a que fagan as contas”.

Vizoso engade: “O gasto en papatorias, propaganda e mala xestión está totalmente disparado. Nas próximas semanas analizaremos polo miúdo e trasladaremos á veciñanza o diñeiro público que se tirou nestes conceptos e as consecuencias que iso pode ter a curto e a medio prazo. Algunhas xa as estamos vendo, o goberno do PP non pode achegar a súa parte para axudas concedidas, chegando a perder só no ano 2024 cerca de 100.000€ en subvencións doutras administracións. Antes, usábanse os remanentes para levar a cabo novos proxectos. Agora dedícanse a pagar facturas e nin así é suficiente. Unha vez máis, pedímoslle ao goberno municipal que rectifique e que comece a ser responsable co diñeiro público, o de todos e todas, para non chegar a situacións dramáticas que, por desgraza, vimos en concellos veciños non hai tanto tempo, e tamén en Ribadeo cando gobernou o PP”.

Exit mobile version