Site icon Crónica3.com A Mariña

Pedro Blanco reivindica en Lugo o valor da aprendizaxe en todas as etapas da vida e destaca o apoio do Goberno á UNED como referente en ensino virtual público e de calidade

O delegado do Goberno participou no acto de graduación do alumnado do programa UNED Sénior de Lugo

Lugo, 23 de xuño de 2025. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, subliñou hoxe o firme compromiso do Goberno de España coa calidade educativa da universidade pública no acto de graduación do alumnado do programa UNED Sénior de Lugo, no que puxo en valor “a vontade de aprender como un dos mellores motores de crecemento persoal e colectivo, en todas as etapas da vida”. Estivo acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.

Durante a súa intervención, Pedro Blanco reivindicou o papel da UNED como “ponte que une talento e oportunidade, vocación e servizo, formación e liberdade”. Subliñou tamén o compromiso do Goberno coa universidade pública como “garante de igualdade, cohesión e calidade educativa”.

Trasladou ao alumnado presente que a cita “non é só unha entrega de diplomas, é unha celebración da curiosidade, da ilusión e do coñecemento como forma de liberdade”, afirmou o delegado, felicitando o alumnado polo seu exemplo de superación e polo seu compromiso coa aprendizaxe continua. Neste sentido, lembrou que o Goberno impulsará un Plan de Relanzamento da UNED cun investimento inicial de 30 millóns de euros para reforzar a súa posición como universidade de referencia nesta modalidade de ensino.

Pedro Blanco concluíu a súa intervención lembrando que “aprender por gusto é a forma máis libre e fermosa de aprender” e agradecendo ao alumnado da UNED Sénior “por lembrarnos esta verdade tan sinxela e tan importante”.

“Desde o Goberno seguiremos preservando e potenciando institucións coma esta, auténtico patrimonio sociocultural e científico, e poñendo freo á aparición de universidades privadas que non cumpran criterios de calidade”, explicou. O programa UNED Sénior ofrece ás persoas maiores de 55 anos a posibilidade de continuar a súa formación sen presións académicas, nun contexto de aprendizaxe libre e enriquecedor. Actualmente conta con máis de 10.000 participantes en toda España.

Exit mobile version