Site icon Crónica3.com A Mariña

Pensamento e Sementeira organiza un roteiro polos Montes do Buio

Viveiro, 10 de xuño, 2025. O vindeiro domingo 15 de xuño, o Colectivo Pensamento e Sementeira convida a veciñanza a participar nun roteiro guiado polos Montes do Buio, un dos espazos naturais máis sorprendentes e descoñecidos do concello de Viveiro. A actividade estará dirixida polo guía Boris Vilar, de Rutas Galicia Norte, e ten como obxectivo dar a coñecer a riqueza ambiental, paisaxística e histórica deste enclave singular.

A ruta, de 10 quilómetros e dificultade media, discorrerá polas turbeiras e brañas da zona, un ecosistema de alto valor ecolóxico, onde as persoas participantes poderán observar a fauna característica e coñecer o vínculo entre estas paraxes e as tradicións locais.

A actividade desenvolverase entre as 10:00 e as 13:30 horas, co Curro do Candaoso como punto de encontro. O prezo da inscrición é de 10 euros para o público xeral adulto, 7 euros para persoas socias do colectivo e 5 euros para nenos/as. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición.

Con esta iniciativa, Pensamento e Sementeira continúa a súa labor de divulgación e posta en valor do patrimonio natural e cultural da comarca, apostando por actividades de lecer sustentable e en contacto coa natureza.

Máis información e inscricións: colectivosementeira@gmail.com

Exit mobile version