Durante o percorrido, falouse dos hábitats singulares do Xistral, como as turbeiras e os quierogais, ecosistemas de alto valor ecolóxico que fan desta serra un lugar único en Galicia. Tamén se puxo en valor a gandeiría extensiva, unha actividade tradicional que non só forma parte da identidade da comarca, senón que xoga un papel clave na conservación da biodiversidade.
A presenza do lobo ibérico e o seu impacto no equilibrio dos ecosistemas xerou un interesante diálogo, ao tempo que se explicou a xeoloxía que dá forma á paisaxe, con especial atención a lugares máxicos como a Pena Abaladoira e á Fervenza do Escouridal. As lendas locais, transmitidas de xeración en xeración, acompañaron o camiño e axudaron a conectar co patrimonio inmaterial da zona.
Estas visitas forman parte do programa Polos Camiños do Mariscal, unha iniciativa que busca promover un turismo sostible e dar a coñecer os valores naturais e culturais do municipio. Ademais, serven como antecedente e actividade previa ao Mercado Medieval, un evento consolidado que terá lugar o 18 e 19 de xullo e que tamén bebe da tradición, da historia e do patrimonio local.
A próxima visita terá lugar o domingo 6 de xullo, cun novo percorrido que se anunciará proximamente.