Acusa ao Goberno de violencia institucional revitimizando á denunciante proclamando a inocencia do imputado e cuestionando a veracidade da denuncia
“Señor Rueda, encubrir un presunto agresor sexual durante meses faino indigno do cargo que ocupa”, reprobou Pontón, quen acusou ao Goberno do PP de exercer “violencia institucional” ao “pechar filas” e permitirlle saír pola “porta grande” ao exconselleiro, Alfonso Villares, cuestionando a veracidade da vítima, e mesmo permitindo filtrar a súa identidade, “ao máis puro estilo negacionista da extrema dereita”. “O pasado venres, vostede escribiu a páxina máis indigna de 16 anos de goberno do Partido Popular”, sintetizou.
A líder nacionalista censurou ao presidente do Executivo na sesión de control que, valéndose do seu cargo, encubrira durante meses a un presunto agresor sexual ao que mantivo como conselleiro “sentado ao seu lado no Consello da Xunta, viaxando en coche oficial, cobrando un salario oficial e utilizando un despacho oficial”.
Tras semellante indignidade moral e política, considera que está vostede capacitado para seguir como presidente da Xunta?”, cuestionou, para recalcar a continuación a evidencia de que “calquera persoa decente, unha vez coñecido o caso, tería cesado de inmediato ao conselleiro”.
Pontón recriminou a Rueda que non tivera “nin unha soa palabra de apoio e de respecto” coa muller que deu o “valente paso” de denunciar por unha agresión sexual “a un poderoso, a un conselleiro amigo do presidente da Xunta” e á que trasladou dende o hemiciclo unha vez máis “toda a solidariedade e apoio” do BNG.
“Organizou un acto para despedir entre abrazos e eloxios a un presunto agresor sexual enviando unha mensaxe demoledora á nosa sociedade e ás mulleres e que é que, cando hai unha denuncia de agresión sexual, o presidente da Xunta ampara o presunto agresor e desprotexe á vítima”, advertiu. “Este acto é unha mostra máis da degradación política e moral do seu goberno e de vostede como presidente”, subliñou para volver a preguntarlle a Rueda se, “despois desta indignidade”, realmente cre que “pode seguir como presidente da Xunta”.
“Canto máis o escoito, máis indigna me parece a súa posición”, afirmou a portavoz nacional ante a resposta do titular do Executivo, ao que acusou de “intentar frivolizar e rebaixar a gravidade” dunha denuncia por agresión sexual a un membro do seu goberno que é ademais, recalcou, “o seu amigo persoal”.
Pontón considerou unha “vergoña intolerable e grotesca” que Rueda proclamase a inocencia de Villares e avogara por recuperalo para a vida política “utilizando as institucións públicas deste País” sen amosar nin un ápice de solidaridade, apoio e respecto pola muller denunciante.
“Segue vostede sen desculparse coas vítimas de violencia machista e coas mulleres deste País, ás que nos ten que explicar por que, cando hai unha denuncia de agresión sexual, se pon do lado do agresor e non da vítima”, incidiu, para criticar a continuación ao presidente da Xunta que presumira de telo feito todo ben.
“Que fixo ben, señor Rueda, encubrir durante meses a un presunto agresor? Permitir que o entorno do conselleiro filtrara o nome da vítima? Organizar un acto de despedida para despedir entre abrazos a un presunto agresor sexual? Dicirnos que isto, unha agresión sexual, era un problema privado?”, Pontón, quen recordou á bancada do PP que a violencia de xénero non é un asunto privado, senón “un problema político de primeira magnitude” tal e como levan reclamando as mulleres durante décadas.
A líder nacionalista advertiu a Rueda que a súa decisión de encubrir a un presunto agresor sexual “degrada as institucións” e conduce á conclusión de que “non é digno de ser presidente da Xunta”. “Estou segura de que a maioría deste País non lle votou para encubrir a un agresor sexual, de que a maioría dos galegos e das galegas senten vergoña cando saben que un conselleiro denunciado desde o mes de xaneiro por agresión sexual estivo no seu cargo porque vostede o amparou e o tapou”, recalcou.
“Creo que Galiza merece moito máis, as mulleres deste País e o conxunto da cidadanía, porque a súa actitude, señor Rueda, é gravísima e fai que sexa indigno do cargo que ocupa”, concluíu.