O BNG confía en que a Xunta de portavoces convocada de urxencia para este martes dea luz verde á comparecencia de Rueda no Pleno desta semana
“É un feito gravísimo que ten que ser explicado onde están os representantes do pobo, na Cámara que representa a cidadanía”, recalcou, emprazando o presidente da Xunta a “non se esconderse e a dar a cara” para explicar “unha das páxinas máis indignas que temos visto na historia do noso País”.
Referiuse así á despedida que lle fixeron tanto Rueda como os seus conselleiros ao xa ex titular de Mar, Alfonso Villares, a semana pasada en San Caetano. “Un presunto agresor sexual que é despedido con todos os honores entre bicos e abrazos por todos e cada un dos membros do Goberno galego, enviando unha mensaxe que é demoledora para todas as mulleres, e moi especialmente para as mulleres que sufriron algún tipo de agresión sexual ou de violencia machista”, expresou, criticando a mensaxe trasladada. “Ante unha denuncia, o que fan é poñerse do lado do agresor e non do lado da vítima. E isto é absolutamente grave e debe de ser explicado”, manifestou.
A líder nacionalista confía en que a Xunta de Portavoces convocada de urxencia para este martes a petición do BNG dea luz verde á comparecencia do presidente do Executivo xa no Pleno desta semana. “O que lle pedimos ao señor Rueda é que dea a cara, que dea explicacións e que non se esconda”, incidiu, porque “ten que explicarlles ás mulleres deste País por que, ante unha denuncia de agresión sexual, encobre e mantén ese conselleiro en vez de facer o que calquera persoa con sentido común tería feito nese momento: apartalo do seu cargo e, en todo caso, que esa denuncia seguise o trámite xudicial que quixese”.
Ana Pontón fixo estas declaracións aos medios despois de reunirse coa Agrupación de Asociacións de Veciños da cidade de Ourense para avaliar as carencias nos diferentes servizos públicos que dependen da xestión directa da Xunta, e para trasladar as propostas do BNG neste ámbito. Na reunión, tamén participaron a deputada Noa Presas, o deputado Iago Tabarés e o portavoz municipal, Luís Seara.