Site icon Crónica3.com A Mariña

Pontón pide a Rueda “que escoite á cidadanía e rescate a sanidade da Mariña porque coa saúde nin se xoga, nin se fai negocio”

Propón recuperar a área sanitaria suprimida polo PP en 2018 e reverter todos os recortes e privatizacións na sanidade pública da comarca

Santiago de Compostela, 4 xuño 2025. A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu desde Burela ao titular da Xunta, Alfonso Rueda, que escoite tanto á cidadanía como ao persoal sanitario da Mariña, rectifique e rescate a sanidade pública da comarca porque, advertiu, coa saúde das persoas nin se xoga, nin se fai negocio.

Pontón mantivo un encontro con representantes de todos os colectivos, plataformas e asociacións que defenden a sanidade pública na Mariña, logo do que criticou o desprezo e prepotencia cos que o Goberno do PP responde ás mobilizacións de profesionais e cidadanía que reclaman algo tan básico e tan de xustiza como ter unha sanidade pública de calidade nunha comarca na que viven máis de 70.000 persoas.

A líder nacionalista denunciou que o continuo deterioro do sistema sanitario non é froito da casualidade, senón dunha estratexia planificada do Executivo do PP “para recortar a sanidade pública en beneficio da sanidade privada”, ou, dito doutro xeito, recortar no público para beneficiar o negocio privado a costa da saúde das persoas. “O Goberno do PP está convertido nun perigo para a saúde dos veciños e das veciñas desta comarca a base de recortes e privatizacións”, sintetizou.

Esta folla de ruta dos populares para facer negocio coa saúde confirmouse coa supresión da área sanitaria da Mariña en 2018, recordou a portavoz do BNG, quen recalcou as consecuencias desta decisión, con listas de espera que non paran de medrar, falta de persoal sanitario, derivacións ao hospital de Lugo obrigando aos pacientes a percorrer máis de 200 quilómetros para ir e volver ao seu domicilio ou a supresión de servizos e especialidades.

Un deterioro da sanidade pública, afondou, que non se limita só á atención hospitalaria, senón que tamén afecta de cheo á atención primaria, onde tamén faltan médicos e médicas e persoal de enfermería e pediatría na práctica totalidade dos centros de saúde dos concellos da comarca.

Neste sentido, criticou ao Goberno do PP que convertera en normal que haxa listas de espera de quince días ou máis para ver ao médico ou médica de cabeceira na primaria, á que se referiu como o corazón do sistema sanitario.

En contraposición ás nefastas políticas que está desenvolvendo o PP, a portavoz nacional puxo sobre a mesa as propostas do BNG, a comezar por recuperar a área sanitaria suprimida en 2018 e por reverter todos os recortes e privatizacións, dando resposta ás demandas de medios e de profesionais.

Pontón avogou tamén por dotar todos os centros de saúde do persoal necesario, tanto de médicos e médicas, como de pediatría e enfermería, cubrindo as baixas e as vacacións dunhas e duns profesionais que, recalcou, dan o mellor de si, pero que están sobrecargados e maltratados polo Executivo de Rueda. Por último, defendeu a posta en marcha dun plan de choque para reducir as listas de espera.

Medidas concretas, subliñou, que requiren vontade política, requiren un goberno que deixe de recortar no público para beneficiar o negocio da sanidade privada e que entenda que a saúde é un dereito.

Ás portas do verán, momento no que A Mariña multiplica a súa poboación, a líder nacionalista fixo unha última chamada de atención á Xunta, recordándolle que se agora hai problemas graves de falta de persoal e listas de espera, é fácil prever que estes se multipliquen na época estival. Por iso, concluíu emprazando ao Goberno do PP a anticiparse e tomar as medidas oportunas para garantir a atención sanitaria en tempo e forma.

Exit mobile version