Site icon Crónica3.com A Mariña

Por Viveiro solicita a cesión gratuíta ao Concello do edificio do antigo colexio Pedrosa Latas de Celeiro

Viveiro, 21 de xuño, 2025. O antigo Colexio “Antonio Pedrosa Latas” é propiedade da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

O solar onde se ergue o edificio fora propiedade a partes iguais da Cofradía de Pescadores de Celeiro e da Unión de Fabricantes de Conserva, que o cederon para a construción do grupo escolar e de vivendas sociais aló polo ano 1946. Foi inaugurado no ano 1955 e permaneceu en activo ata o ano 1998, cando toda a actividade lectiva pasou finalmente ao novo colexio. Dende aquela a xestión do espazo é municipal, cedendo varios dos locais para o distinto tecido asociativo de Celeiro. A falta de atención e mantemento foi deteriorando paulatinamente este centro.

No ano 2019 chegouse a un acordo entre Concello, Xunta e Deputación para que a Escola Oficial de Idiomas fora trasladada a este centro, previa rehabilitación. A incapaz xestión do PSOE na Alcaldía de Viveiro e a pesar de contar cun goberno amigo no Goberno do Estado, impediu a cesión gratuíta do inmoble para tal fin, dado que o Estado, pediu a cantidade de 700.000€ pola cesión do edificio. Iso foi o que nos contaron. Despois disto a residencia de Aspanane marchou a Xove.

No ano 2021 o Parlamento Galego acorda por unanimidade solicitar a cesión gratuíta do ben ao Concello, pero a Seguridade Social gobernada polo PSOE denegou a cesión tanto á Xunta de Galicia coma ao Concello de Viveiro.

Para sorpresa de todos, o 3 de decembro de 2024 a Tesourería Xeral da Seguridade Social, lanza a poxa pública do edificio por un prezo de 403.509 euros. Prezo curiosamente moi inferior ao anunciado polo anterior goberno local como prezo de venta. Figurando dita poxa conforme ás informacións públicas, como deserta.
Celeiro e Viveiro por extensión necesita espazos para o tecido asociativo social, cultural, deportivo e veciñal. Este edificio conta con amplos espazos e locais e un gran patio.

Por todo o exposto anteriormente, o Grupo Municipal de POR VIVEIRO traslada a seguinte proposta de acordo para a súa aprobación en pleno:

1. Solicitar á Tesourería Xeral da Seguridade Social e ao goberno do Estado a cesión gratuíta do edificio do antigo Colexio Pedrosa Latas de Celeiro ao Concello de Viveiro.

2 Trasladar o acordo ao goberno da Xunta de Galicia e aos distintos grupos políticos do Parlamento Galego para o seu coñecemento e impulso da cesión.

Exit mobile version