O municipio ofrecerá actividades semanais, campus deportivos e torneos para todas as idades no marco da programación do ‘Verán Burela 2025’
O vindeiro martes, día 1 de xullo, a Delegación de Deportes do Concello porá en marcha o programa ‘Verán Burela 2025’, que se desenvolverá ata o 29 de agosto. Esta iniciativa ofrecerá diferentes propostas ao longo da semana, como xogos na praia os luns, rutas de sendeirismo os martes, iniciación ao surf os martes e mércores, rutas en bicicleta os mércores, happy dance os xoves e iniciación ao baloncesto os venres.
As inscricións para participar neste programa poderán realizarse na Casa da Xuventude entre o 24 e o 26 de xuño cun prezo de oito euros por actividade e ao mes.
Dende a Concellería de Deportes tamén indican que ao longo do verán organizaranse diferentes competicións e eventos como fútbol 3×3, fútbol praia, básket 3×3 e vóley praia e afirman que “esta programación aínda se está completando, coa intención de crear unha competición de fútbol no verán”.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, destacou que “se está a traballar dende cada área municipal para ofrecer unha programación completa e variada que contribúa a dinamizar a vila durante os meses de verán”. Sinala tamén que esta ampla oferta deportiva serve para “promover un estilo de vida activo e saudable entre a veciñanza”.
Nestes días xa están a desenvolverse outros eventos importantes, como a Marosa Cup, que rematou onte, e o Memorial Heroes de Orzán, que conclúe este martes.
Como novidades para esta semana, hoxe luns comeza o campamento de ximnasia rítmica, que se desenvolverá do 23 ao 27 de xuño en horario de mañá; o mércores comezará o Campus de fútbol sala Antía Pérez, que terá lugar do 25 ao 29 de xuño no Pavillón Vista Alegre, e a próxima fin de semana dará comezo o campamento musical.