Site icon Crónica3.com A Mariña

Publicado o listado provisional do Campamento de Verán de Viveiro, que contará co apoio do Plan Corresponsables

A actividade desenvolverase do 30 de xuño ao 29 de agosto, en horario de 08:30 a 14:30 horas

Viveiro, 13 de xuño de 2025. O Concello de Viveiro publica o listado provisional de participantes no Campamento de Verán 2025. O documento pode consultarse na sede electrónica municipal (https://viveiro.sedelectronica.gal).

Ábrese agora un prazo de subsanación de erros ou alegacións, que permanecerá aberto ata o mércores 18 de xuño. Unha vez pechado este prazo, anunciarase públicamente a data do sorteo de adxudicación definitiva de prazas.

Este ano, o campamento contará co apoio da subvención do Plan Corresponsables da Consellería de Política Social e Igualdade, así como cunha achega económica propia do Concello de Viveiro. Grazas a isto, poderase reforzar o servizo para atender a nenos e nenas con necesidades educativas especiais.

Este campamento é unha iniciativa que busca ofrecer aos máis pequenos unha experiencia enriquecedora durante as vacacións escolares, combinando actividades lúdicas, educativas e deportivas. Con esta programación, o Concello pretende seguir ofrecendo unha opción de lecer de calidade para as familias de Viveiro.

Exit mobile version