Site icon Crónica3.com A Mariña

Publicada no Diario Oficial de Galicia a aprobación definitiva do Plan Básico Municipal de Alfoz

Trátase dun instrumento eficaz que permitirá a ordenación do territorio neste municipio lucense, ofrecendo capacidade de acollida residencial e económica

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2025. A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o acordo de aprobación definitiva do Plan Básico Municipal de Alfoz.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250609/AnuncioG0765-300525-0002_gl.html

Trátase dun instrumento eficaz que permitirá a ordenación do territorio neste municipio lucense, ofrecendo capacidade de acollida residencial e económica.

O Plan para este concello, que conta cunha poboación de 1.523 habitantes, clasifica dous ámbitos de solo urbano consolidado en Seara e Vilaúde.

En canto a núcleos rurais, delimita 118 nun total de 9 parroquias, dos que 80 son tradicionais, 5 son comúns e os 33 restantes combinan partes tradicionais e comúns.

O documento recolle tamén todas as categorías de solo rústico resultantes da aplicación das lexislacións sectoriais con incidencia sobre Alfoz. Neste sentido, categoriza terreos rústicos de especial protección agropecuaria, forestal, de augas, de infraestruturas, de espazos naturais, paisaxística e patrimonial.

O documento tamén identifica ata 185 elementos do patrimonio cultural, dos que 28 están declarados Ben de Interese Cultural (BIC), mentres que se identifican 13 bens catalogados como de interese arqueóloxico, 47 de interese etnolóxico e 97 de interese arquitectónico

O Goberno galego está a promover os Plans Básicos Municipais en concellos de menos de 5.000 habitantes, que non contan con planeamentos xerais, para dotalos dunha ferramenta que permita impulsar unha ordenación urbanística responsable e sostible.

A aprobación de Alfoz súmase ás xa realizadas nos concellos de Páramo, Trabada, Riotorto e Ribeira de Piquín. Ademais a Xunta está a traballar noutros 19 plans, dos que 13 xa teñen aprobación inicial (Triacastela, Cartelle, Padrenda, Porqueira, San Xoán de Río, Guntín, Punxín, Dozón, Viana do Bolo, Lobeira, Beariz, Negueira de Muñiz e Samos).

Na actualidade tamén hai 3 plans pendentes de aprobación inicial en diferentes fases de (San Cristovo de Cea, Antas de Ulla e San Amaro) e 3 para os que se está a redactar o borrador (Chandrexa de Queixa, Montederramo e Pantón).

Exit mobile version