Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro adhírese ao Protocolo de Colaboración da Rede de Municipios do Camiño de Santiago por Mar no Norte de España

Mariña Geuimunde, alcaldesa de Viveiro participou onte en Xixón na sinatura do acordo impulsado pola asociacion Northmarinas, no marco do proxecto “El Camino de Santiago a Vela”

Viveiro, 17 de xuño de 2025. O Concello de Viveiro vén de formalizar a adhesión ao Protocolo de Colaboración Multilateral da Rede de Municipios do Camiño de Santiago por Mar no norte de España, nun acto celebrado o pasado luns, 16 de xuño en Xixón.

Este protocolo, promovido pola asociación sen ánimo de lucro Northmarinas, ten como obxectivo reforzar a cooperación entre localidades costeiras da España Verde no marco do “Camiño de Santiago a Vela”, impulsando o desenvolvemento turístico sostible, a economía azul, o intercambio cultural e educativo, a promoción de actividades deportivas vinculadas ao mar, a creación de emprego no sector náutico e a visibilización da conexión histórica entre o mar e o Camiño.

A Travesía “Navega el Camino” chega a Viveiro o 20 de xuño

Unha das accións máis destacadas promovidas por Northmarinas é a travesía internacional “Navega el Camino”, que partiu de La Rochelle (Francia) o pasado 5 de xuño e rematará en Vilagarcía de Arousa o 1 de xullo, para culminar posteriormente en Santiago de Compostela.

Esta travesía fai escala en diferentes portos da costa norte de España e chegará a Viveiro o vindeiro venres 20 de xuño, procedente de Ribadeo. A expedición permanecerá na vila esa noite e continuará cara a Cedeira ao día seguinte.

Con motivo desta escala, o Concello de Viveiro recibirá oficialmente aos peregrinos participantes, organizando unha visita guiada á vila a cargo do Cronista Oficial, Carlos Nuevo Cal, e ofrecendo unha benvida institucional no Concello, como mostra de hospitalidade e apoio ao proxecto.

A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, destacou que “formar parte deste proxecto supón unha oportunidade para reforzar o papel de Viveiro como destino náutico e cultural, ao tempo que se dinamiza a economía local e se promove o coñecemento da nosa historia e patrimonio tan vencellados ao mar”.

Northmarinas, entidade impulsora do protocolo, leva promovendo desde 2016 o Camiño de Santiago por Mar, recoñecido pola Catedral de Santiago como ruta oficial de peregrinación, e que figura na Credencial Oficial do Peregrino.

Segundo datos da Oficina do Peregrino, nos últimos dez anos preto de 2.000 persoas realizaron esta ruta marítima, combinando navegación, turismo activo e espiritualidade, cun crecente interese tanto a nivel nacional como internacional

Exit mobile version