Son 14 as categorías que inclúe esta carreira, consolidada no calendario de verán da Mariña lucense. As categorías dende pitufo ata alevín terán lugar arredor do parque San Francisco, infantil e cadete sairán dende o Faro da Illa Pancha e a proba absoluta de 9 quilómetros sairá dende a vila mariñeira de Rinlo ata Ribadeo, con meta diante do Concello. Ata o día de hoxe, segundo informa o club organizador, son 252 as persoas inscritas. O prazo para anotarse remata o 20 de agosto ás 23:59 horas.
Tod@s @s participantes levarán unha bolsa do corredor con diversos agasallos. Na proba absoluta terán dereito a unha camiseta sublimada tod@s aqueles/as que se inscriban antes do vindeiro 31 de xullo como así mesmo poderán escoller entre o agasallo dun frontal ou uns calcetíns personalizados co nome da carreira. Na proba absoluta é obrigatorio levar frontal de luz e recomendable o uso de reflectores, explicaron desde o Club Atletismo Ribadeo.
Os dorsais entregaranse o mesmo día da carreira en Deportes Docobo dende as 10:00 ata as 13:00 horas e dende as 16:00 ás 19:00 horas. Haberá duchas e servizo de transporte dende Ribadeo a Rinlo. Os horarios serán publicados no facebook do Club Atletismo Ribadeo.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, anima a inscribirse: “aínda quedan días para poder anotarse e participar nesta carreira, que xa temos todos marcada no calendario de citas importantes do verán e que non podemos perder. Agardamos que a disfruten e que o pasen moi ben en Ribadeo. Aquí a actividade deportiva non descansa”.
No acto de presentación participaron o alcalde, Dani Vega, o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta en Lugo, Manuel Otero, o deputado responsable da Área de Rural, Mar e Mocidade, Dani García, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, o xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez, así como representantes das firmas patrocinadoras e do Club Atletismo Ribadeo.