A Casa da Xuventude acolle este venres unha actividade interxeracional para recoller e compartir a tradición oral das diferentes culturas que conviven no municipio
Ao longo da mañá, traballarase na recollida e posta por escrito da tradición oral das distintas culturas presentes en Burela, sen esquecer a riqueza da cultura popular galega. Este material servirá para achegar ás novas xeracións os relatos, saberes e valores que enriquecen a nosa comunidade, favorecendo a transmisión cultural e o respecto pola diversidade.
A actividade terá un carácter interxeracional, promovendo a participación de persoas de todas as idades, fomentando así o diálogo, a aprendizaxe mutua e o encontro entre diferentes realidades culturais.
Dende o Concello faise un chamado á cidadanía para participar, xa que se trata dunha iniciativa aberta a todas as persoas interesadas, máis aló das xa convocadas.