O Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) non conta nestes momentos nin coas embarcacións de Muros e Ribadeo nin co helicóptero de Vigo
Dende a central alertan da “situación crítica” que atravesa a costa galega na loita contra o narcotráfico como consecuencia da parada obrigatoria por motivos de seguridade e saúde das embarcacións con base en Muros e Ribadeo -que xa duplican a súa vida útil máxima e están obsoletas- debido á presenza de amianto descuberta hai tempo e da ausencia do helicóptero con base en Vigo, que leva máis de cinco meses en reparación sen que se saiba cando vai volver estar operativo. E lembran que o helicóptero de Vigo é o único co que conta o SVA para cubrir toda a costa galega. Ademais, as actuacións desta aeronave inclúen tamén a cornixa cantábrica.
“Con este panorama está claro que se lles están dando moitas facilidades aos narcos para que leven acabo a súa actividade ilegal, polo que dende a CIG demandamos da dirección do SVA a adopción das medidas necesarias para que tanto as bases de Ribadeo e de Muros como a base aérea de Vigo estean operativas á maior brevidade posíbel”.
Ao mesmo tempo, e ante da intención de substituír os barcos de Ribadeo e Muros por outros buques que se retiren do servizo nas bases de Andalucía, a central sindical advirte que “non vale que manden para Galiza embarcacións coa súa vida útil esgotada para navegar pola costa galega e, no caso concreto de Muros, pola Costa da Morte”.