Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG denuncia que no Centro de Saúde de San Cibrao e de Cervo quedará unha soa médica a partir do 15 de xullo para todo o concello

Dende a central sindical piden ás persoas usuarias que rexistren follas de reclamacións, que teñan presente que a culpa non é das traballadoras, e que a responsabilidade é unicamente da Xerencia da Área Sanitaria

Burela, 2 de xuño de 2025. A sanidade pública da comarca da Mariña “continúa en estado de auténtica emerxencia” a consecuencia das políticas de quen dirixe a nosa sanidade, sendo a Atención Primaria “tamén unha das principais damnificadas”, denuncia a CIG Saúde A Mariña.

Ao longo da mañá deste mércores CIG Saúde A Mariña estivo en Cervo para coñecer de primeira man a situación da asistencia sanitaria no verán nun concello que aumenta á súa poboación e na que o persoal a maiores ten que atender a uns 60 pacientes do Complexo Xeriátrico, ao non dispor o mesmo de persoal sanitario.

PERSOAL MÉDICO

Segundo a información recopilada “unha médica estará ausente a partires do 7 de xullo, quedando só unha facultativa especialista en atención primaria no Centro de Saúde de San Cibrao e un médico no Consultorio de Cervo”, explican.

“O día 15 de xullo o médico do Consultorio de Cervo, que renuncia ao seu contrato, marchará a traballar a outro distrito sanitario”, engaden.

“Por todo o anterior, a partir do 15 de xullo os Centros de Saúde de San Cibrao e Cervo quedarán cunha soa médica”, suliñan, “e que non haberá servizo médico ata as 10:20”.

A central nacionalista indica que o persoal dos centros de saúde afectados levan meses intentando abordar coa Xerencia a planificación sanitaria no verán para facer suxestións e por riba da mesa alternativas, pero non foi ata o 23 de xuño cando acudiron para manter unha xuntanza, na que non aportaron solucións concretas e na que só falaron de que “están traballando nun plan” do que a día de hoxe ninguén ten constancia.

Segundo puido saber a organización sindical “haberá unhas 3 horas ao día de asistencia programada, pero as persoas usuarias só poderán pedir cita acudindo ou chamando ao centro, mais non por internet”, explican, “e o resto das horas atenderase só a demanda e en función da gravidade“, engaden, “o que acabará saturando outros servizos e lugares, como o PAC de Burela ou o Servizo de Urxencias do Hospital de Mariña”, citan.

PERSOAL DE ENFERMARÍA

A falta de persoal de enfermaría pola fuxida a outros territorios buscando estabilidade laboral, tamén terá consecuencias no cadro de persoal, xa que a non ser cubertas as súas ausencias provocará unha sobrecarga asistencial que repercutirá na calidade asistencial pero tamén na saúde das traballadoras pola situación de fatiga física e mental.

PERSOAL DE SERVIZOS XERAIS

Dende CIG Saúde A Mariña esixen o reforzo con un/unha PSX máis polo aumento do traballo nun Concello que ve aumentada a poboación durante o período estival polo turismo, algo ao que se nega o SERGAS a pesares de existir persoas dispoñibles nas listas de contratación.

CONSECUENCIAS PARA AS PROFESIONAIS: ESTRÉS PERMANENTE

As consecuencias destas políticas, advirte a CIG-Saúde, é que as/os profesionais non poden cubrir as necesidades básicas. “O nivel de tensión dispárese. E nestas circunstancias ponse a proba a capacidade de resistencia psicolóxica da persoa implicada”, alertan. De feito, os expertos/as advirten do perigo de vivir sometido/a a niveis elevados de tensións, pero, sobre todo, do perigo de que esta situación perdure no tempo.

“É evidente a relación que existe entre a tensión intensa e duradeira no tempo con problemas diversos de saúde, tanto físicos como mentais, tales como dificultades para durmir, irritabilidade, ansiedade, depresión, dermatite, problemas dixestivos, cardíacos, etc.”, explican desde CIG Saúde A Mariña.
Todo o anterior pode rematar en baixas derivadas da sobrecarga de traballo que ao non ser cubertas xeran unha situación na que menos profesionais teñen que asumir toda a carga de traballo entrando deste xeito nunha espiral sen saída. Isto implica unha saturación do sistema, máis listas de agarda e unha mingua da calidade asistencial que afecta finalmente ás e aos pacientes.

A XERENCIA TEN A OBRIGA DE INFORMAR Á POBOACIÓN

Dende CIG-Saúde A Mariña esixen a Xerencia da Área Sanitaria que emita unha nota informativa avisando á poboación da situación, as causas e alternativas e así a o mesmo tempo previr posibles actos de violencia física ou verbal contra unhas traballadoras, que lonxe de ser culpables, tamén son vítimas dos recortes e a mala planificación sanitaria.
“En lugar de dar resposta e atender ás demandas dos profesionais e informar á poboación, a Ramón Ares o único que se lle ocorre e empregar o tempo en crear un pin sanitario, unha auténtica orde de censura para amordazar ao persoal e negar o dereito á información á poboación”, critica.

POÑER EN VALOR O TRABALLO DO PERSOAL SANITARIO

Con este contexto de fondo, a CIG-Saúde A Mariña quere poñer en valor o excelente traballo do persoal médico, de enfermaría, TCAE´s e de servizos xerais nesta situación adversa xa que “se non é polo sobreesforzo dos/as profesionais a sanidade pública nos nosos Centros de Saúde xa tería caído, pero ese sobreesforzo está tocando fondo. Á xente non se lle pode pedir día a día esa sobrecarga, cando a xestión dos responsábeis políticos é cada vez máis nefasta”, afirman.

A central nacionalista considera que debe primarse o dereito da cidadanía a recibir unha atención sanitaria de calidade pública. E con este obxectivo, “a CIG-Saúde da Mariña estivo, está e estará na defensa da sanidade pública, dos dereitos das traballadoras e traballadores, do dereito dos veciños e veciñas da Mariña a contar con servizos sanitarios de calidade en tódolos centros de saúde da comarca”, conclúen.

Exit mobile version