O Presidente enmarcou a iniciativa “no compromiso desta institución cos servizos públicos universais e de calidade, especialmente coa sanidade”, considerando os recortes “un sinsentido que vai en contra do traballo que todos facemos para consolidar a provincia como un destino turístico sostible e atractivo”
Explicou o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, antes da sesión plenaria, que “temos hoxe moitos consultorios pechados, xustamente durante o verán que é cando máis xente hai”. Enmarcou a iniciativa “no compromiso da institución cos servizos públicos universais e de calidade, especialmente coa sanidade” da institución provincial, considerando os recortes “un sinsentido que vai en contra do traballo que todos facemos para consolidar a provincia como un destino turístico sostible e atractivo”.
Nesa mesma liña, a Deputada pola Chaira, Marisol Morandeira, engadiu que a Xunta “consigue facer realidade algo máis difícil aínda: empeorar máis a deficiente atención sanitaria que reciben os galegos e as galegas”. Explicou que ás eivas tradicionais de longas listas de espera, déficit de persoal, e aos problemas crónicos en urxencias e atención primaria, ou a “sanidade de segunda” no rural, “se suman coma sempre os recortes de verán”, que provocan unha descompensación maior, posto que se trata dunha época do ano no que tamén se incrementa a poboación.
Morandeira citou ao Conselleiro de Sanidade, que anunciou o peche do 8,3% das camas hospitalarias no verán e tamén “dalgún consultorio, como todos os anos” e lamentou que na provincia de Lugo, “como resultado do desmantelamento das áreas sanitarias de Monforte de Lemos e A Mariña, a porcentaxe de camas hospitalarias pechadas será do 11,5%; máis de tres puntos por encima da media galega”.
Detallou a Deputada que en Guitiriz, os recortes extra de verán van supoñer o peche, “probablemente por tres meses”, do consultorio de Parga. Tamén que cerren os de Doiras, no concello de Cervantes, ou o de Castro de Rei, que desde a pandemia non recuperaron o horario normal de luns a venres. Na Mariña, o consultorio de Cervo e Centro de Saúde de San Cibrao compartirán unha única médica, que atenderá sen cita, por orde de chegada, en horario de 10:20 a 15:00 horas.
Problemas que se suman aos “constantes” que sofren a Atención Primaria, as Urxencias ou a Pediatría, como é o caso “sanguento do servizo compartido insuficiente para os concellos de Castro de Rei, Cospeito e Outeiro de Rei, “con doentes derivados a Vilalba ou ao propio HULA, en Lugo”.
O texto da proposta recolle, ademais, instar á Xunta de Galicia a apertura dos consultorios de Parga, Doiras e Castro de Rei, coa recuperación dos seus horarios habituais; a recuperación dos servizos e ampliación de horarios no consultorio de Cervo e no Centro de Saúde de San Cibrao; e a substitución de todas as prazas de medicina de familia que se atopan sen cubrir por xubilación en Ourol, O Valadouro, Ribadeo, Trabada, Viveiro, Xove e naqueles centros nos que existe ausencia de profesionais sanitarios, como no caso do Vicedo ou Riotorto.