Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación implantará puntos de fichaxe e sistemas de control de presenza en 23 concellos a través do Impulsa TIC

A Xunta de Goberno deste venres vén de licitar, por algo máis de 210.000€, esta nova subactuación no marco da ampliación deste programa impulsado pola institución provincial para a transformación dixital e modernización das entidades locais

Lugo, 4 de xullo de 2025. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo celebrada este venres vén de licitar por algo máis de 210.000€ a contratación da implantación de puntos de fichaxe e sistemas de control de presenza en 23 concellos da provincia que decidiron formar parte desta nova subactuación, que se enmarca na ampliación do programa Impulsa TIC. Así o informou tras a reunión o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen sinalou que “este novo investimento súmase ós 4,3M€ de fondos europeos que foi quen de captar a Deputación para a transformación dixital e modernización dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia”.

Pablo Rivera informou que a través deste contrato dotarase a cada un destes concellos dun sistema que permita realizar un control horario da xornada laboral, a través de puntos de fichaxe físicos; de tarxetas contactless personalizadas para cada empregado; e dunha aplicación web que se poderá instalar desde o móbil, descargando unha app que permita tamén aos traballadores xestionar os seus permisos, licenzas, ou comunicar incidencias.

A duración do contrato será de dous meses. Para poder acometer esta nova actuación, a Deputación aprobou tamén a solicitude de ampliación do prazo de execución do programa Impulsa TIC ata decembro de 2025, tres meses máis do previsto inicialmente.

A duración deste novo contrato será de dous meses e servirá para seguir avanzando na transformación dixital e modernización dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, a través das distintas iniciativas impulsadas pola Deputación de Lugo. Os fondos investidos ata o momento permitiron, por unha banda, a mellora da eficiencia dos servizos básicos de administración dixital e mellorar a interoperabilidade administrativa; e por outra, conseguir concellos máis resilientes con capacidade de ofrecer servizos electrónicos aos cidadáns, mellorando ademais a transparencia, apertura e accesibilidade municipal.

Acordos cos concellos de Lugo e Ourol

A Xunta de Goberno aprobou tamén este venres un acordo co Concello de Lugo para garantir a vixilancia e seguridade viaria na zona de estacionamento do Fogar de Santa María

A Deputación pon a disposición da cidadanía o aparcadoiro fóra do horario laboral, -de 16:00 e as 00:00 horas de luns a venres; e de 08:00 a 00:00 horas os sábados e os domingos-, mentres que o Concello asumirá a vixilancia e disciplina a través da Policía Local. A competencia sancionadora será municipal.

Así mesmo, saíu adiante un acordo co Concello de Ourol a través do cal a institución provincial achega 20.636,30 euros para apoiar a celebración dunha nova edición do Festival Aturuxo de Bravos. O investimento permitirá financiar a contratación das bandas musicais, o alugueiro do escenario, o equipo de son e elementos loxísticos como a instalación de aseos ou a carpa.

Ademais, nesta Xunta de Goberno aprobouse a convocatoria e as bases para o ingreso como persoal funcionario de carreira na Deputación de dúas prazas de técnico ou técnica de Administración Xeral polo sistema de oposición libre.

Exit mobile version