Aprobada a adxudicación- para o período 2025-2027- do lote 8 do contrato de conservación e mantemento das estradas provincias, por un importe de 1M€
Por unha banda, no Concello de Castroverde aprobouse un acordo de colaboración por un importe de case 300.000€ para a mellora de vía e accesos locais e servizos públicos básicos no municipio. O Concello asume o resto do orzamento, que acada un total de preto de 600.000 e que se destinarán á execución de seis actuacións principais.
Segundo sinalou a Voceira Socialista do Goberno acometerase a rexeneración do firme asfáltico en 14 accesos de estradas locais que dan servizo a distintos núcleos das parroquias de Bolaño, Vilabade, Riomol, Masoucos, Pumarega, Furís de Abaixo, Porcín, Páramo, San Paio de Arcos, Moreira e Montecubeiro. Ademais, mellorarase a pavimentación noutras zonas como O Couso, Espasande, O Latadal, Outeiro, San Paio e Moreira, o que contribuirá a incrementar a seguridade e a eficiencia na evacuación das augas pluviais.
Tamén se realizarán melloras no acceso entre Furís de Arriba e O Latadal, así como nos núcleos de Tórdea, Espasande, Outeiro e San Xuliana. Investiranse fondos na mellora do acceso a Miranda e na recuperación dun espazo próximo a unha fonte protexida. O proxecto completarase coa mellora do camiño agrícola da Valiña, en Montecubeiro, e coa ampliación da rede municipal de abastecemento de auga ata o núcleo de Covelas.
Ademais, na Xunta desta mañá saíu adiante un acordo co Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, para financiar un proxecto de dixitalización estratéxico para o sector vitivinícola da provincia. Desenvolverase ao longo de 2025, e ten dúas liñas de actuación fundamentais.
A primeira é a instalación dunha rede de 12 estacións meteorolóxicas portátiles, unha por cada concello lucense incluído na Denominación de Orixe, e que permitirá monitorizar en tempo real as condicións climáticas en cada zona de produción, ofrecendo datos clave para previr enfermidades da vide, planificar tratamentos ou reducir custos.
A segunda actuación céntrase na implantación dun sistema integral de xestión dixital da Denominación de Orixe, baseado no software ANAWIN. Trátase dunha ferramenta que permitirá automatizar e centralizar todos os procedementos administrativos e técnicos da D.O, como por exemplo rexistros, certificacións, rastrexabilidade, ou facturación. Ademais, incluirá a creación dunha oficina virtual para as adegas, que facilitará a tramitación en liña e incorporará entre algunhas ferramentas: unha app de cata dixital para táblets, un sistema de seguimento de saldos e movementos de viño ou a firma electrónica para documentos oficiais.
Pilar García Porto enmarcou este apoio na estratexia da Deputación de Lugo de apoiar ao sector primario, “xa que a promoción e modernización do sector vitivinícola contribúe non só á economía local, senón tamén á conservación do noso patrimonio cultural, natural e ao asentamento da poboación no medio rural”.
Conservación e mantemento das estradas
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo acordou este venres adxudicar por un importe de preto de 1M€ e o período de 2025-2027, o lote 8 do contrato de conservación e mantemento da estradas de titularidade provincial.
Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen detallou que, desta forma para completar o contrato “tan só quedaría sacar a licitación e adxudicar os lotes 5, 6 e 7 que corresponden a concellos da zona da Montaña para cubrir os vindeiros dous anos toda a rede viaria provincial”, a máis extensa de toda España, con 4.200 quilómetros.
García Porto concretou que o lote que se vén de adxudicar afecta aos concellos de Castro de Rei, Pol e Meira.
Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios
Por último, a Xunta de Goberno aprobou este venres o último trámite administrativo para o pago de subvencións, por un importe conxunto total de 30.000€, a cinco entidades da provincia que resultaron beneficiarias do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, que impulsa a Deputación de Lugo. Son as Comunidade de Montes Veciñais de Adai, no Corgo; de Pumares e San Román de Ribas de Sil e de Cervela, no Incio; e as Agrupacións de Veciños de Tórbeo, e de Pousanova, no concello de Ribas de Sil.