Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación licita por máis de 2,6M€ as obras de urbanización do polígono industrial da Fonsagrada

A Xunta de Goberno celebrada este venres deu luz verde a este proxecto que está recollido no Plan Xeral de Ordenación Municipal e que dá resposta a unha demanda do tecido empresarial e dos veciños e veciñas deste municipio montañés

Lugo, 11 de xullo de 2025. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo celebrada este venres aprobou cun orzamento de máis de 2,6M€ a licitación das obras de urbanización do polígono industrial da Fonsagrada. Así o explicou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, e avanzou que “esta é unha actuación estratéxica para dotar a este municipio da montaña de solo industrial e terciario, algo fundamental para impulsar o desenvolvemento económico dun concello que, ata o de agora, carecía deste tipo de infraestrutura. O proxecto responde a unha demanda histórica da veciñanza e do tecido empresarial da zona”.

“Hai que lembrar que este polígono está recollido no Plan Xeral de Ordenación Municipal e que foi posible avanzar grazas ó compromiso institucional da Deputación, que no seu momento financiou a redacción do proxecto cun investimento de preto de 36.000 euros, e asumiu tamén a aportación de arredor de 600.000 euros para a execución das obras”, sinalou García Porto.

Coa licitación destes traballos A Fonsagrada contará cunha infraestrutura necesaria para atraer actividade empresarial e xerar novas oportunidades de emprego. Nesta liña, recalcou a Voceira que “segundo destacan os informes técnicos, esta actuación terá un efecto multiplicador sobre o conxunto da territorio da Montaña, contribuíndo a fixar poboación e a reforzar a actividade económica no interior da provincia.”

O procedemento de licitación prevé criterios de valoración que combinan a mellor oferta económica cunha memoria técnica solvente, ademais de ter en conta a ampliación da garantía e a proposta de posta en valor das obras executadas. “Deste xeito, tratamos de asegurar que esta intervención se execute coas máximas garantías e cun enfoque de calidade, porque este polígono industrial é unha oportunidade para darlle futuro a un territorio con este proxecto tan necesario e demandado”.

Centro de Innovación Territorial para a provincia de Lugo

Na reunión desta mañá a Xunta de Goberno tamén aprobou o texto do convenio do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para a posta en marcha dun Centro de Innovación Territorial na provincia de Lugo. Pilar García Porto recordou que o pasado mes de abril, en Ponferrada, o Presidente da Deputación e a Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Sara Aagesen, firmaron un protocolo para iniciar os trámites “de adhesión da provincia de Lugo a esta rede e hoxe, concrétase, cun investimento global de 850.000€ para revitalizar o medio rural da nosa provincia”.

“A Deputación de Lugo entrará a formar parte da Rede Estatal de CIT, favorecendo a transferencia de coñecementos, a replicación de boas prácticas e a creación de sinerxías con outros territorios. O convenio terá unha duración de catro anos. O MITECO achegará 510.000 €, e a Deputación de Lugo contribuíra con 340.000 €, incluíndo financiación, recursos humanos e materiais. A esa suma súmanse os beneficios de formar parte dunha rede pública-privada que pon en valor o talento local”, detallou a Voceira.

Neste sentido, recordou tamén que “desde a Deputación de Lugo seguimos traballando con responsabilidade, diálogo e visión estratéxica, xunto cos concellos, os veciños e veciñas e o tecido empresarial para fixar poboación e xerar oportunidades reais no rural. Porque o rural ten presente e futuro, e o Centro de Innovación Territorial será unha das ferramentas para seguir traballando neste camiño”.

Exit mobile version