Nesta edición, o festival presenta oito novas curtametraxes seleccionadas: “Corre, Adela”, de Alba Pino; “Azkena”, de Ane Inés Landeta e Lorea Lyons; “Ratiña”, de Alicia Úbeda; “Monstera”, de Diego R. Aballe; “Curmán”, de Alejandro Jato; “La Reina de los Idiotas”, de J.K. Álvarez; “Campolivar”, de Alicia Moncholí; e “Komando Marmitako”, de Ane Nafarrate e Uxue Botas. A diversidade temática e formal destas pezas, que mestura xéneros diversos como drama, comedia, biopic, animación ou experimental, reflicte o espírito do Festival: seleccionar boas historias, crear comunidade arredor dunha pantalla e dar valor ao criterio do público, que novamente decidirá cos seus votos a curta gañadora.
O xoves 7 de agosto, ás 20 horas, no Cine Ribadeo, terá lugar a proxección das oito curtametraxes. O venres 8 de agosto, tamén ás 20 horas, no Teatro de Ribadeo, celebrarase a Gala Final, onde se desvelará o proxecto gañador. Ambas xornadas contarán coa presenza da actriz galega Mabel Rivera, madriña desta edición, quen xa presentara unha curta no Festival e que agora regresa para entregar o trofeo e acompañar ao público. Rivera é unha figura clave do cine e da televisión en Galicia, cunha recoñecida traxectoria en películas como Mar Adentro, pola que recibiu o Premio Goya á Mellor Actriz de Reparto.
A Gala Final incluirá tamén a actuación musical do grupo ribadense Kornucopia, que combina pop, folk e música tradicional cunha posta en escena enérxica e cercana, sumando así música en directo á festa do cine curto. Ademais, como novidade este ano, o Festival contará coa presenza da creadora de contido Prado Rúa, divulgadora cultural en galego que dinamizará as alfombras vermellas e photocall de ambas xornadas, ás 19:30 horas, achegando así o evento ás redes sociais e aos seus máis de 45.000 seguidores.
O equipo organizador, a asociación Areas Movedizas, está formado por catro profesionais do sector audiovisual, cun impulso renovado, experiencia en diversos departamentos do cine e o obxectivo de manter Ribadeo como punto de encontro entre cineastas: Carme Rodríguez, Gloria González, Mónica Arnanz e Sergio García-Ramos. Nesta cuarta edición, o Festival presenta tamén unha nova identidade gráfica desenvolvida polo deseñador Manu Cajal, mantendo como protagonista a súa mascota O Mariñán, diseñada por Elvira ELR e que xa se converteu nun símbolo recoñecible do proxecto. A sinerxía co tecido económico e social da vila tamén se reforza, contando co apoio da Xunta de Galicia, Concello de Ribadeo, Hotel Aduana, Cine Ribadeo e Delira Gastronómica, institucións e colaboradores que fan posible o Festival.
Co obxectivo de consolidar os valores principais do proxecto e preparar o camiño cara á celebración do seu quinto aniversario, o Festival de Cine Curto de Ribadeo aposta por seguir medrando sen perder a autenticidade coa que naceu: crear un espazo para o cine feito dende aquí, con amor polo audiovisual e polas persoas que o fan e o desfrutan.