Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mariña acolle a celebración de diversos actos arredor do Día da Patria Galega

O BNG e Galiza Nova organizan actos lúdicos, festivos e reivindicativos en Foz, Barreiros e Ribadeo

A Mariña, venres 11 de xullo de 2025. Galiza prepárase para a celebración do 25 de xullo, Día da Patria Galega, que congregará en Santiago de Compostela a milleiros de persoas na manifestación que sairá da Alameda ás 12:00 e que terá continuidade con diversos actos ao longo da xornada. No día de hoxe, representantes do BNG e Galiza Nova presentaron en Foz, a carón do monumento á Muller Focega as actividades que se van desenvolver en diferentes localidades neste mes de xullo previas ao día 25, Día da Patria Galega.

Festexar e reivindicar

“Temos que festexar pero tamén reivindicar, porque o BNG é unha forza política cun discurso e unha práctica coherente e transformadora, que traballa por unha Galiza forte que faga valer os nosos intereses de país e coide dos galegos e das galegas con servizos públicos, universais e de calidade, coma a sanidade, na que na comarca da Mariña levamos anos de loita fronte ao proceso de desmantelamento que leva a cabo o PP. Queremos vivir na Mariña con todos os servizos, con infraestruturas acordes aos nosos tempos, rematando dunha vez a agardada A-74, e queremos tamén poder ter acceso á vivenda, agora inaccesible para a maioría de traballadoras e traballadores debido ás nulas ou lesivas políticas levadas a cabo ao respecto polo PP” afirmou o responsable comarcal Antonio Veiga.

En términos semellantes pronunciouse Serxio Alonso Mon, representante na comarca de Galiza Nova que manifestou que “traballamos tamén por unha Galiza e por unha Mariña en que os coidados sexan un dereito e non un negocio e en que a vivenda e a protección social estean garantidas e que a mocidade teña oportunidades aquí. Unha Galiza en que a nosa lingua propia, o galego, estea viva e plenamente normalizada, e na cal a defensa da igualdade desde o feminismo e o respecto á diversidade sexan norma e non excepción”

Sábado 19 de Xullo, XXX Festa da Patria en Foz

O sábado 19 en Foz, a partir das 19:30 diante da lonxa terá lugar a XXX edición da Festa da Patria, cos tradicionais chicharros lañados, e a actuación de Os Lambós e Dj´s Di Pacolo e compañía.

Domingo 20 de xullo, XVIII Manifesta da Patria en Barreiros

O domingo 20 de xullo, na área recreativa de A Insua, celebrarase un xantar, a habitual “bonitada do Bloque”, previa reserva no 629 27 28 53, con sesión vermú a partir das 13:30 amenizada por músicos locais cunha mistura de diferentes estilos musicais, modernos e tradicionais. . O xantar será ás 14:30 e ao longo da xornada haberá diversas actividades.

Luns 21 de xullo, actos de Galiza Nova en Ribadeo

O luns 21 de xullo, nun lugar tan simbólico coma o Cargadeiro, na entrada da Ría de Ribadeo, ás 13:00 a mocidade de Galiza Nova despegará nese emblemático emprazamento a bandeira da patria e inaugurarase tamén alí mesmo a exposición “Artivismo en Castelao”.

Manifestación en Santiago de Compostela o venres 25 de xullo

Desde o BNG animan a asistir á manifestación que partirá da Alameda compostelá ás 12:00 e que rematará na Praza da Quintana, así como ás actividades que ao longo do día se van desenvolver dando continuidade ás do día 24 dentro do Festigal.

Para acudir á manifestación o BNG organiza a viaxe en bus, podendo anotarse ata o venres 18 de xullo no tfno 982 140 654 as persoas que desexen ir ou no correo amarinha@bng.gal

Exit mobile version