A futbolista focense procede do Valdetires Ferrol, co que anotou 36 goles a pasada campaña en Segunda, e realizará o seu debut na máxima categoría
Lara Díaz García (Vilaronte-Foz, 20-11-1999) terá por fin a oportunidade de debutar na elite despois de rozala en varias ocasións durante a súa carreira. Será na súa segunda etapa na estrutura do Burela FS. Criada entre o fútbol e o fútbol sala na canteira do CD Foz, en categoría infantil pasou ao Ribadeo FS, con quen se proclamou campioa autonómica. Tamén era unha habitual das seleccións provinciais de fútbol e fútbol sala, así como da selección galega de fútbol. Posteriormente, cando contaba con 14 anos, volvía ao fútbol tras fichar polo Peluquería Mixta Friol, que competía na Segunda Nacional. Máis tarde chegaba ao filial do Burela FS, nunha campaña na que tamén gozou de adestramentos co primeiro equipo, e un ano despois regresaba ao Ribadeo FS. De aí, en 2019 daba o salto ao Castro Bloques Cando, equipo no que estivo catro tempadas e co que lograba o ascenso á máxima categoría na campaña 2022/2023. Con todo, ela non deu o salto á elite e, tras facer a pretemporada co Rodiles asturiano, acababa asinando polo Valdetires Ferrol FSF, co que competiu durante estes dous últimos cursos en Segunda División. Agora, por fin, ábrenselle as portas da máxima categoría.
Lara Díaz asegura que afronta con moita ilusión o reto de debutar en Primeira División e de, ademais, facelo no Burela FS. “Xogar ao lado da casa e representar o fútbol sala da Mariña é un orgullo. É moi ilusionante porque creo que vou estar onde merezo ao final. Por meus avós, por min, pola miña familia e polos meus amigos. Comecei con 5 anos e despois de 20 anos neste deporte poderei estar en Primeira”, sinala.
A focense contará coa vantaxe de que xa coñece a Belén Feal, coa que coincidiu na campaña 2023/2024 no Valdetires Ferrol FSF. “Con Belén xa estiven unha tempada e merece estar na elite por como concibe este deporte e por como é persoalmente. Fai todo de corazón e iso ten a súa recompensa”, conclúe Lara Díaz.