Site icon Crónica3.com A Mariña

A Peña Deportivista Pardo de Cela celebrou en Alfoz a súa tradicional xuntanza cunha emotiva homenaxe á historia branquiazul

Alfoz, 7 de xullo de 2025. A Peña Deportivista Pardo de Cela reuniu esta fin de semana en Alfoz a decenas de afeccionados e afeccionadas do RC Deportivo da Coruña nunha xornada de celebración, compañeirismo e paixón polo fútbol. O encontro contou cunha animada comida de fraternidade, música en directo e discursos cargados de emoción e lembranzas.

Durante o acto conmemoráronse os 27 anos de historia da peña e o 25 aniversario do histórico título de Liga do Deportivo, unha efeméride moi especial para todos os seguidores e seguidoras do club coruñés.

A música correu a cargo do grupo Son’s Varadero, de Foz, que puxo ritmo e alegría á celebración cun repertorio animado e moi aplaudido.

O evento contou coas intervencións de Lionel Rexes, veciño de Alfoz e recoñecido deportivista, Carlos Carballal, vicepresidente da Federación de Peñas Deportivistas, Enrique Lorenzo, presidente da Peña Pardo de Cela e Eliseo Lorenzo, concelleiro de Deportes de Alfoz, quen destacou o traballo feito polo presidente da peña para achegar á rapazada do municipio ao sentimento deportivista.

Esta xuntanza supón unha nova mostra da vitalidade e do forte vínculo que une á afección co equipo branquiazul, máis alá dos resultados e do paso do tempo.

Exit mobile version