Site icon Crónica3.com A Mariña

A Real Federación Española de Karate consolida en Burela a súa formación oficial en Kung Fu

Burela, 1 de xullo de 2025. O Departamento Nacional de Kung Fu da Real Federación Española de Karate e Disciplinas Asociadas está a celebrar en Burela a segunda edición dos cursos de técnico deportivo de Kung Fu, conforme ao programa formativo establecido no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Por segundo ano consecutivo, o bloque específico desta formación desenvólvese no municipio de Burela, ata onde se desprazaron practicantes de Kung Fu procedentes de diferentes comunidades autónomas como Galicia, Asturias, País Vasco, Aragón, Madrid, Castela e León, Comunidade Valenciana ou Andalucía.

A formación en marcha forma parte da oferta oficial da federación nacional en materia de ensinanza de Kung Fu e ten como obxectivo habilitar a técnicos con titulación recoñecida para a docencia desta disciplina. Estes cursos están dirixidos a persoas que posúan o grao de Cinturón Negro de Kung Fu, condición establecida como requisito de acceso segundo o BOE.

Miguel Ángel Rojo Darriba, director nacional de Kung Fu da Real Federación Española de Karate, subliñou que “esta segunda edición en Burela consolida un proxecto formativo que busca reforzar a cualificación dos profesionais do Kung Fu dentro dun marco regulado”. Tamén agradeceu a acollida do concello: “Burela está a demostrar unha vez máis a súa disposición e apoio ao deporte e á formación”.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, asistiu onte á benvida oficial ao alumnado participante e destacou “a importancia de que este tipo de formacións se leven a cabo en concellos como o noso, tanto polo seu impacto no eido deportivo como pola proxección que supón para Burela a nivel nacional”.

Exit mobile version