Site icon Crónica3.com A Mariña

“A Xunta abandona, unha vez máis, a atención primaria en Cervo”, asegura o PSdeG

A voceira socialista, Mª Luján Ramos, alerta de que só haberá un médico para os dous centros e non haberá atención programada

Cervo, 1 de xullo de 2025. O PSdeG-PSOE de Cervo denuncia os graves prexuízos que causará á veciñanza a redución de recursos sanitarios prevista no municipio durante os meses de verán. Segundo se informa nun aviso exposto no Centro de Saúde de San Ciprián, sen selo oficial nin información complementaria, a partir do 7 de xullo os centros de saúde Cervo e San Ciprián compartirán unha única médica, que prestará atención sen cita previa, por orde de chegada e só en horario de mañá, dende as 10:20 ata as 15:00 horas.

Esta reorganización implica a supresión da atención programada, o que afecta directamente a centos de persoas, e non se aclara se ambos centros permanecerán operativos ou se se centralizará a atención nun deles. Así mesmo, os pacientes que non poidan ser atendidos no día serán derivados ao PAC de Burela ou citados para outra data, sen garantías de continuidade asistencial.

A voceira socialista, María Luján Ramos, cualificou esta situación de “verdadeira vergoña. O único cualificativo que cabe empregar é total abandono dos doentes no Concello de Cervo”. Luján lembra que “no ano 2013 xa intentaron pechar o consultorio de Cervo e deixar só o Centro de Saúde de San Ciprián en funcionamento. Tras unha ardua loita da veciñanza, conseguiuse conservar o centro de Cervo, pero como represalia eliminaron un dos tres médicos de San Ciprián”.

“Volvemos asistir a un novo intento de recorte, precisamente no verán, cando a poboación da Mariña se multiplica”, advertiu. A voceira tamén alertou de que “esta medida colapsará aínda máis o PAC do Hospital da Mariña, que xa sofre sobrecarga asistencial nos meses estivais”.

Desde o PSdeG-PSOE de Cervo esíxese ó Grupo de Goberno Municipal do PP que medie e inste á Xunta de Galicia a actuar con urxencia e adoptar as medidas necesarias para garantir unha atención sanitaria digna e continua durante todo o ano, especialmente nos meses de maior demanda asistencial.

“Non imos permitir que se xogue coa saúde da nosa veciñanza”, concluíu María Luján Ramos, quen reclama á Consellería de Sanidade transparencia, planificación e compromiso real coa Atención Primaria no rural.

Exit mobile version