Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta apoia ao Burela FS cun contrato de patrocinio de 30.000 euros

Esta colaboración, a través de Turismo de Galicia, contribúe á estabilidade económica do club e enmárcase na aposta do Executivo autonómico por vincular o deporte de alto nivel coa proxección da imaxe turística da comunidade

Burela, 8 de xullo de 2025. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo esta mañá unha reunión co presidente do Burela Fútbol Sala, José Luis Sáez, nas oficinas do club, na que lle reiterou o apoio do Goberno galego ante a complicada situación económica que está a atravesar a entidade.

Javier Arias puxo en valor o compromiso da Xunta co club burelés, ao que apoia cun contrato de patrocinio a través da Axencia de Turismo de Galicia por valor de 30.000 euros. O presidente da entidade agradeceu esta colaboración, que contribúe a dar estabilidade económica á entidade. A acción enmárcase ademais na aposta do Executivo autonómico por vincular o deporte de alto nivel coa proxección da imaxe turística da comunidade.

No encontro desta mañá abordáronse tamén outras posibles vías de colaboración futuras para garantir a continuidade do proxecto deportivo do Burela FS.

Arias destacou que o club burelés “representa non só un exemplo de excelencia deportiva, senón tamén un motor de dinamización social e económica para A Mariña, e desde a Xunta apostamos por prestarlle o noso apoio para que poida seguir sendo un referente dentro e fóra de Galicia”.

Exit mobile version