Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destina preto de 50.000 euros a novas obras para seguir mellorando a eficiencia enerxética do CEIP da Pontenova

O delegado territorial visitou hoxe o centro para comprobar o avance dos traballos, que se prevén rematar a próxima semana

Lugo, 21 de xullo de 2025. A Xunta destina preto de 50.000 euros a novas actuacións coas que seguirá mellorando a eficiencia enerxética do CEIP da Pontenova. O delegado territorial en Lugo, Javier Arias, visitou esta mañá o centro para comprobar o avance dos traballos, que se desenvolven agora para non interferir no desenvolvemento da actividade lectiva e que se prevén rematar ao longo da vindeira semana.

Na visita estiveron tamén a directora territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Sagrario Sánchez; e o alcalde da Pontenova, Darío Campos, xunto a outros representantes da corporación municipal e do equipo directivo do centro educativo.

A intervención que se está a executar inclúe a mellora dos teitos das aulas do colexio, coa colocación dunha malla metálica ancorada ás viguetas, a montaxe dun falso teito desmontable con panel acústico, a instalación dun panel tipo led ou o pintado do falso teito de pladur, entre outros. Ademais renovarase o alumeado de emerxencia do centro, cambiaranse os enchufes e procederase á reposición de azulexos na cociña.

Arias explicou que, con esta actuación, o Goberno galego atende “de forma áxil” unha necesidade que a comunidade educativa do CEIP A Pontenova trasladou, por medio da dirección do centro, á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Incidiu ademais na necesidade de que se leven a cabo as tarefas de mantemento ordinario por parte do Concello, que é quen ten as competencias na materia, “á marxe das obras de maior calado que poida executar a Xunta”.

Ademais da actual intervención, a Administración autonómica destinou nos últimos anos preto de 70.000 euros a distintas actuacións no CEIP pontenovés, que supuxeron o arranxo do patio ou a substitución das ventás nun dos andares do centro, o que permitiu xa avanzar na mellora do confort e a eficiencia enerxética do colexio, “unha liña na que estamos a traballar e seguiremos a facelo nos vindeiros meses”.

O delegado territorial referiuse tamén á reestruturación dos grupos de Infantil prevista para o vindeiro curso académico, que dende o Servizo de Inspección da Consellería de Educación explicaron xa ás familias. Neste senso, lembrou que se procederá ao agrupamento de alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil pertencente a diferentes niveis “respectando ratios e o calendario de aplicación establecidos”.

Atención médica garantida

Arias visitou tamén o centro de saúde da Pontenova, onde confirmou que os veciños e veciñas do municipio “terán plenamente garantida a asistencia sanitaria no mes de agosto grazas ao esforzo de planificación do Sergas”. Explicou, nesta liña, que se está traballando para que “xa nos próximos días” se poida incorporar un novo médico ao centro de saúde da localidade.

O delegado agradeceu aos profesionais sanitarios o traballo que están a realizar nun momento tan complicado como o actual, “a consecuencia da falta xeneralizada de médicos de atención primaria que se está dando no conxunto de España e ante a cal o Goberno central, que é quen ten a competencia, non acaba de poñer solucións eficaces enriba da mesa”.

Exit mobile version