A empresa ourensá lanza unha nova campaña de visibilización e homenaxe ás mulleres que, desde terra, sosteñen o mar “con fillo e agulla”
A campaña está protagonizada por cinco mulleres que representan diferentes puntos do litoral galego: Mar e María, da asociación “Cabo Burela” na Mariña lucense; Chus e Ana, da asociación “O Fieital” de Malpica de Bergantiños, nas Rías Altas; e Alicia, redeira de Aguiño-Ribeira, nas Rías Baixas. Todas elas comparten oficio, experiencia e unha reivindicación común: dignificar o traballo das redeiras e reclamar o seu lugar na memoria colectiva.
“No somos elementos decorativos de los muelles”, lémbrannos. O seu traballo, manual, duro e meticuloso, foi durante décadas invisible, relegado a un segundo plano e sen recoñecemento profesional, a pesar de ser clave para o funcionamento da frota. “Mar, María, Alicia, Chus y Ana no solo remiendan redes: tejen memoria, cultura y resistencia. Son presente, pero también herencia viva del mar en Galicia”, destacan desde Aceites Abril.
Esta acción súmase á liña de comunicación que a compañía ourensá vén desenvolvendo para visibilizar as figuras de produtores e elaboradores, as tradicións ou o patrimonio inmaterial, e que nesta ocasión pon o foco nas mulleres que traballan a pé de peirao para que os barcos poidan saír a faenar: “porque sin redeiras no se puede ir al mar” e elas, a través do seu esforzo silencioso, tamén contribuíron á construción da cultura mariñeira de Galicia.
Desde Aceites Abril sinalan que esta campaña busca recoñecer o papel histórico destas mulleres, visibilizar o seu presente e contribuír á preservación dun oficio que, aínda que minoritario, segue vivo grazas á súa forza e transmisión xeracional.
A campaña, que xa se atopa activa en redes sociais, medios dixitais e exteriores, foi desenvolta internamente pola marca e apóiase nun enfoque emocional e poético. Cada unha das protagonistas conta coa súa propia peza narrativa, combinando retrato documental e sensibilidade estética, poñendo en valor a súa experiencia e as súas propias palabras.
Un oficio imprescindible e aínda en risco: os retos das redeiras galegas
O oficio de redeira, aínda que recoñecido legalmente desde finais dos anos noventa, continúa enfrontando importantes retos que condicionan o seu día a día. Dende a Federación Galega de Redeiras Artesás trabállase activamente para dignificar esta profesión e garantir a súa continuidade como parte esencial do sector pesqueiro e do patrimonio inmaterial de Galicia.
Entre as súas principais reivindicacións están a regulación a nivel estatal da profesión de confección e mantemento de redes e aparellos de pesca, a loita contra o intrusismo profesional e a visibilización do seu traballo a nivel nacional. Tamén reclaman unha mellora real das condicións económicas e laborais, con especial atención aos riscos laborais e o recoñecemento das continxencias profesionais derivadas da súa actividade.
A isto súmanse demandas como a mellora das infraestruturas portuarias que empregan, a eliminación da brecha salarial con respecto a outros subsectores do mar e á necesidade de garantir a substitución xeracional, mediante formación e oportunidades que permitan ás novas xeracións dar continuidade a este oficio. En paralelo, tamén exploran novas vías de emprego e diversificación para asegurar que a súa saber siga tendo valor en presente e futuro.