A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, subliñou que “as cifras están aí e falan dun crecemento do turismo na comarca da Mariña dun 25% en xullo con respecto ao ano pasado. E Ribadeo fixo un bo mes de xuño e un bo mes de xullo. Non había máis que dar unha volta polas rúas para velas ateigadas de xente, o aparcamento municipal algúns días estivo repleto, algo que solo acontecía en agosto. Houbo moito tráfico e moito movemento na nosa vila”.
Sobre a ocupación hoteleira indicou que “roldou entre o 75 e o 85% de media en xullo, segundo os datos que nos ofrecen os nosos asociados. Moitos nos indican que as reservas foron constantes, con moitas estancias de curta duración, pero cun importante fluxo de visitantes que se renovou cada poucos días. As expectativas para agosto son moi boas. Hai moitas xornadas nas que será do 100% sobre todo entre o 4 e o 17”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, contou que “no sector da hostalaría, en concreto nos bares e no ocio nocturno, xullo foi un mes bo, aínda que a actividade tardou en coller ritmo. De luns a venres caracterizouse por un consumo máis moderado e con menor afluencia en horario nocturno, mentres que as fins de semana concentraron a maior parte da actividade con establecementos cheos e ambiente nas rúas. No caso da restauración, os resultados foron máis positivos. O mes comezou con certa calma, pero a partir da segunda semana notouse unha suba moi clara no consumo, con establecementos cheos a diario e unha clientela disposta a gozar da gastronomía local”.
O mes de xullo tamén foi moi ben para o comercio ribadense: “os nosos socios coinciden en que este xullo funcionou mellor que o do ano pasado. Houbo maior volume de vendas e máis movemento no centro da vila. Aínda que o perfil do turista foi, sobre todo, de curta estancia e cun comportamento máis de visita que de consumo, o balance global é moi positivo. Os bos resultados indican que a campaña de rebaixas este ano arrincou moi ben. O comercio de Ribadeo amosa o seu éxito con estes datos”, explicou Carmen Cruzado.
Sobre o tipo de turismo que predominou a presidenta de Acisa apuntou que “xullo estivo marcado na súa maioría por un turismo de paso, de poucos días, que ven ver Ribadeo, coñecer a contorna e seguir a súa ruta. Houbo moita presenza de visitantes estranxeiros, máis que noutros xullos, procedentes de Francia, Italia, Portugal, Holanda, Alemaña e outros países. E o Camiño do Norte segue a ser un goteo constante de peregrinos que aproveitan tamén o verán para facer esta ruta”.
Sobre as expectativas para o mes de agosto o xerente de Acisa asegura que “son excelentes. A chegada do turista de segunda residencia, que se instala na vila por semanas ou todo o mes, é clave para o comercio e a hostalaría. É un perfil de visitante que sae máis, consome máis, participa nas actividades culturais e compra nos establecementos locais. Por iso, cremos que agosto será mellor que xullo en termos de facturación
Acisa seguirá traballando en accións de dinamización e apoio ao tecido empresarial, “convencidos de que Ribadeo é un destino consolidado e atractivo, e de que é fundamental manter unha oferta de calidade tanto no sector servizos como no comercial e turístico, por iso en poucos días daremos a coñecer as novas actividades que desenvolveremos en agosto”.